O PP reclama un xulgado social completo e fixo

Considera que o reforzo prometido por Xustiza á alcaldesa é só un "remendo"

El juzgado de lo Social número 1, sito en Armando Durán, declaró despido nulo y el TSXG lo confirmó. XESÚS PONTE
photo_camera O xulgado do Social número 1. XESÚS PONTE

O PP segue mantendo aberto a fronte do xulgado do Social para Lugo, que reclama que sexa fixo e completo. Este domingo fíxoo mediante un comunicado conxunto dos seus candidatos por Lugo ao Congreso e ao Senado, Jaime de Olano e José Manuel Barreiro, que consideraron que o pacto alcanzado pola alcaldesa, Lara Méndez, co Ministerio de Xustiza é só "un remendo. Os lucenses queremos feitos, que se nos trate igual que Santiago ou Vigo".

Lara Méndez anunciou que nunha recente reunión coa ministra de Xustiza, esta comprometeuse a reforzar o xuíz de apoio que xa teñen os xulgados do Social en Lugo e a completalo cun letrado da administración de Xustiza (secretario xudicial); a eles sumaríanse tres funcionarios tramitadores, aínda que neste caso sería a Xunta a encargada de asignalos.

Olano e Barreiro cren, con todo, que "o acordo non soluciona o verdadeiro problema. Agora din que dotarán a Lugo da estrutura de persoal. O que están a facer é intentar saír do paso dignamente porque hai eleccións polo medio. O que pedimos é a creación do xulgado, tal como o goberno anunciou para outras cidades. Lugo non é unha cidade nin unha provincia de segunda", comentaron.

Neste sentido, os candidatos do PP recordaron que "a Xunta ten a vontade política e administrativa e recursos para cumprir coa súa competencia, que é financiar o 100% do persoal. O que ten que facer o ministerio, xa que logo, é crealo". No seu lugar, o que ao seu xuízo fixo Méndez é "aceptar a intención do Goberno de non crear o xulgado".

Comentarios