O PP quere que a alcaldesa firme que o Concello non pagará polo Garañón

A oposición levará ao pleno unha proposición para que, no caso de que a administración teña que asumir indemnizacións, estas sexan reclamadas aos políticos que no seu día deron os permisos para esta urbanización
El impacto de O Garañón visto desde el barrio de A Ponte. AEP
photo_camera As torres do Garañón vistas dende o barrio da Ponte. AEP

O  PP anunciou este martes que o xoves defenderá unha moción no pleno municipal para que o goberno local se comprometa por escrito a que non haberá lugar a unha indemnización ou compensación ao promotor do Garañón, urbanización cuxas licenzas foron anuladas pola xustiza. No documento que os populares pretenden que asine a alcaldesa, Lara Méndez, tamén debe figurar -segundo propoñen- que, no caso de que finalmente o Concello teña que desembolsar diñeiro por estes conceptos, este sexa reclamado aos responsables políticos das licenzas outorgadas no seu día.

A oposición quere que Méndez adquira este compromiso despois de que, no último pleno, a rexedora se mostrase convencida de que o Concello non terá que asumir indemnizacións no Garañón, ou polo menos non na medida en que pretende o promotor, o ourensán Ricardo Iglesias, que foi  á quebra debido á paralización e á anulación deste proxecto urbanístico.

"Se a alcaldesa non acepta este acordo é que nos mentiu e que ten moito que tapar e que agochar", afirma o vicevoceiro do PP, Antonio Ameijide.

Na sesión plenaria de decembro, Méndez afirmou que "a non indemnización non o digo eu, senón o asesor xurídico do Concello no seu informe. E nós temos plena confianza nos nosos técnicos", asegurou. O PP pediu ver "ese informe", que en realidade non é máis que a a resposta á demanda xudicial presentada por Iglesias pero que non foi facilitada ao PP nin feita pública.

Doutra banda, "en aras á transparencia", o PP demanda ao goberno local que ensine o proxecto técnico que se precisa para tirar as torres do Garañón e un estudo de todos aqueles gastos aos que terá que facer fronte o Concello neste asunto, "incluíndo o do a derriba real, non unha estimación, e as posibles indemnizacións e/ou compensacións para reconverter eses terreos en zona verde".

Comentarios