O PP propón crear máis áreas de adestramento urbano en Lugo

Óscar Poy solicita un mellor mantemento ou renovación das instalacións deportivas
undefined
photo_camera Un lucense practica exercicios de calistenia nas instalacións do parque de Rosalía de Castro. AEP

O concelleiro do grupo municipal do Partido Popular Óscar Poy visitou as diferentes pistas deportivas municipais que existen pola cidade e, tras comprobar o seu estado, enviou unha dobre proposta ao goberno local: realizar unha renovación das mesmas e, ademais, optar pola creación de áreas de adestramento urbano, tamén coñecido como calistenia.

Esta disciplina deportiva permite realizar unha ampla variedade de exercicios físicos co emprego unicamente do peso corporal.

A este respecto, Óscar Poy sinala que na cidade xa existe unha área deste tipo, habilitada nas costas do Parque de Rosalía de Castro, pero o edil popular advirte que as súas dimensións xa se quedaron pequenas para a crecente demanda de practicantes que existe na cidade desde hai varios meses.

Para o concelleiro popular, contar en Lugo con máis áreas deste tipo sería positivo, xa que axudarían a fomentar a actividade física entre a poboación e tamén desconxestionaría a área xa existente nas costas do Parque de Rosalía.

Mantemento. Durante a revisión de diferentes pistas deportivas, Óscar Poy comprobou como non hai grandes deficiencias, pero sinala que si que sería preciso realizar diferentes traballos de mantemento ou renovación das pistas e os seus elementos, talles como canastras ou porterías, xa que son os que máis deficiencias presentan na actualidade.

Pero si que pon unha especial atención na pista situada na Rúa Armórica, ao carón do centro de saúde de Fingoi, xa que nesta instalación percíbese, segundo argumenta Poy, como existen luminarias públicas no medio da pista, o que dificulta o xogo aos usuarios que utilizan estas instalacións a diario.