O PP propón colmatar zonas de Lugo degradadas con edificios de aparcadoiros

A normativa urbanística permite este tipo de estacionamentos nalgunhas partes da cidade e son máis baratos de construír e de manter, segundo defende os populares. A oposición cre que Lugo necesita retirar coches das rúas pero sen dificultar o seu uso para non afectar á vida diaria de residentes, comerciantes e profesionais

Proposta Rede Aparcadoiros Lugo 5
photo_camera Ramón Cabarcos y otros ediles del PP, en Paxariños, presentando su propuesta para hacer aparcamientos en altura. EP

O PP defenderá no pleno municipal deste xoves unha proposta para que o goberno local estude a creación de aparcadoiros en altura nas zonas da cidade con máis densidade de poboación e que máis necesidade teñen de medidas que faciliten a mobilidade e a actividade comercial, como o centro histórico, A Milagrosa, Rolda das Fontiñas, A Milagrosa, San Antonio, Recatelo ou San Roque.

Para algunhas desas zonas, como As Fontiñas, o PP xa leva tempo facendo propostas, pero agora vai un paso máis aló e propón que se localicen mazás que sofren degradación urbanística —como é a esquina de Paxariños e San Roque—, en zonas da cidade onde a normativa urbanística posibilita construír aparcadoiros en altura, e chéguese a acordo cos propietarios para que o Concello poida construír ou xestionar este tipo de estacionamentos, ben con medios propios ou con algunha fórmula público-privada.

O concelleiro Ramón Cabarcos explicou que a ordenanza de edificación pechada entre medianeiras permite destinar edificios enteiros a aparcadoiro e no resto da trama urbana, como o centro histórico ou as zonas de edificación aberta, contémplase ese uso para plantas baixas e inferiores a estas.

G
Exemplo de aparcadoiro en altura

Os aparcadoiros en altura son aínda pouco frecuentes en España, aínda que noutros países levan anos en auxe, explica Cabarcos, porque resultan máis baratos. Teñen máis capacidade, ao poder elevar o aparcadoiro en varias alturas, a construción é un 50% máis económica, calcula o edil, porque non se necesita escavar nin levar a cabo medidas de protección dos edificios lindeiros, e o gasto en instalacións e mantemento redúcese á metade, xa que necesitan menos ventilación e iluminación, por exemplo. 

"A falta de aparcadoiro incomoda, penaliza ou imposibilita a vida cotiá e ou traballo de veciños e profesionais", afirma o concelleiro do PP Ramón Cabarcos

Ademais, estes aparcadoiros permitirían colmatar zonas que agora sofren degradación e provelas de strong <>servizos engadidos, que poderían ofrecerse neses mesmos espazos, como puntos de recarga de coches, bicicletas e patinetes eléctricos; puntos de almacenamento e de strong <>entrega e recollida de pequenas mercancías e e incluso puntos de estacionamento e intercambio de transporte público, como podería ser un servizo de aluguer de bicicletas. A maiores, as cubertas poderían destinarse a lugares de xogo e lecer, como parques infantís ou espazos verdes cubertos.

Xunto a outros concelleiros do PP, Cabarcos desprazouse a esa zona de Paxariños onde, ao seu xuízo, sería posible construír un aparcadoiro en altura para pór de manifesto a necesidade de estacionamento que hai nunha cidade que, como moitas outras, aposta por retirar coches das rúas para facela máis cómoda e saudable pero onde, á vez, a necesidade do vehículo privado sigue sendo moi alta. Lugo ten unha zona rural moi ampla, como capital recibe a moitos cidadáns cada día e a entrega de compras e a prestación de servizos a domicilio vai a máis, recorda o concelleiro. 

"A falta de aparcadoiro incomoda, penaliza ou imposibilita a vida cotiá, ou traballo e a actividade de moitos colectivos, como residentes, comerciantes e profesionais, corpos de strong<> emerxencias e clientes e provedores de servizos", afirma Cabarcos.

Esa escaseza de prazas agravouse nos últimos anos con algúns proxectos —"prexudiciais ou pouco traballados", afirma o PP— que levou a cabo o Concello, como o carril bici e a peonalización do centro histórico.

A creación de aparcadoiros en superficie como alternativa, algúns de carácter temporal e outros permanentes, uns executados xa e outros en proceso, non resulta suficiente, sosteñen os populares, quen agora expoñen outras solucións, como os aparcadoiros en altura.

O goberno local pide á Xunta que abra o aparcadoiro do Multiusos polas tardes

O primeiro tenente de alcaldesa e portavoz do BNG no Concello, Rubén Arroxo, pide á Xunta que abra ao público o aparcadoiro do edificio Multiusos en horario de tarde para paliar a perda de prazas que se produciu ao pecharse o aparcadoiro que tiña Adif á beira da estación de tren. Arroxo informou de que fará esta petición por escrito a Javier Arias en canto sexa nomeado de novo delegado da Xunta en Lugo. 

O estacionamento de Adif pechouse hai unhas semanas, cando comezaron os traballos para construír a estación intermodal. Dispuña dunhas 180 prazas que eran moi usadas. 

A raíz do peche deste espazo, a alcaldesa, Paula Alvarellos, anunciou que se habilitarían prazas de forma temporal eliminando un dos carriis de circulación do viario que une Serra de Meira con Paradai. Serán ao redor de medio centenar, aínda que de momento non están dispoñibles.

Por esa razón, agora a área nacionalista do goberno insta á Xunta a que faga a súa achega para facilitar o aparcadoiro na cidade, en horario de tarde, cando menos afecta  xornada laboral do persoal da Administración autonómica. 

"A Xunta pode colaborar para reducir as molestias que produce a obra dá estación de tren", afirma Arroxo, quen recorda que tamén o Concello de Lugo unha medida similar xa hai anos. Puxo a disposición dos condutores o aparcadoiro das oficinas municipais do antigo Seminario polas tardes e os fins de semana.

O BNG tamén pediu esta semana á Xunta que faga o mesmo cos aparcadoiros dos institutos de Ramón Ferreiro e de Formación do Profesorado. Ambas son demandas que o Concello vén tempo facendo. No caso do Multiusos, a Xunta di que é inviable porque o aparcadoiro está conectado por dentro coas oficinas. O goberno local replica que pode adoptar medidas de seguridade, como fixo o Concello no aparcadoiro do Seminario.