jueves. 02.07.2020 |
El tiempo
jueves. 02.07.2020
El tiempo

O PP pide a Lara Méndez que “non falsee” os orzamentos

Ramón Carballo. XESÚS PONTE
Ramón Carballo. XESÚS PONTE
Ramón Carballo recordou que as contas de 2018 “foron irreais” pola diferenza entre a previsión de ingresos e a recadación dos sete impostos e taxas máis significativos

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Ramón Carballo, pediulle ao goberno bipartito de Lugo que “non falsee” o orzamento de 2020, que socialistas e nacionalistas teñen previsto levar a pleno leste mesmo mes, dado que as últimas contas aprobadas no Concello tiñan un desfasamento de 13,5 “millóns” entre o que se prevía ingresar e o diñeiro que entrou en caixa.

Carballo fixo estas declaracións logo da comisión especial de contas do Concello de Lugo, ademais de lamentar que “a Conta Xeral de 2018 chegue” a ese foro “con máis de cinco meses e medio de atraso”.

O portavoz municipal recordou que as contas de 2018 “foron irreais” por esa diferenza entre a previsión de ingresos e a recadación dos sete impostos e taxas máis significativos, dado que o desfasamento chegou “a un 28%”, ao redor de 13,5 millóns de euros.

Por iso, pediulles a ambos os socios uns orzamentos “serios e realistas”.

Criticou tamén a “incoherencia” do BNG, porque “agora, por intereses partidistas, os nacionalistas van aprobar a conta xeral de 2018 cando, no seu día, criticaron e rexeitaron os orzamentos deste exercicio”.

O PP pide a Lara Méndez que “non falsee” os orzamentos
comentarios