O PP propón un pacto de todos os partidos para a recuperación postpandemia en Lugo

Carballo afronta o novo curso co propósito de presentar propostas "en positivo" sen "afrouxar" na función de fiscalización ao goberno bipartito
Ramón Carballo. EP
photo_camera Ramón Carballo. EP

O portavoz do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, compareceu este martes acompañado por todos os edís do seu grupo municipal —o máis numeroso da corporación— para expoñer un pacto que vincule a todos os partidos a un plan de recuperación "postpandemia" no municipio.

Carballo confirmou que levará esta proposta á próxima xunta de portavoces e asegurou que o seu grupo non fai distincións entre as propostas formuladas no seo da corporación local en función de cores "políticas", senón que as valora de acordo coa súa posible utilidade para mellorar a vida dos veciños de Lugo.

Nese sentido, asegurou que o seu equipo, "neste novo curso político, non porá o foco nos seus adversarios", senón que traballará para presentar propostas "en positivo". Iso si, tamén avanzou que os populares non "afrouxarán" na súa función de fiscalización ao goberno bipartito, "sobre todo vendo as cacicadas que fixeron nos últimos anos", como —dixo— o abuso de contratos menores para a súa adxudicación "a dedo" ou as "subidas encubertas de impostos".

Para reparar os "danos económicos e sociais" provocados pola pandemia, o Partido Popular propón "deseñar unha nova política fiscal, revitalizar o comercio e impulsar a actividade turística, preparando o centro histórico de Lugo para buscar a súa declaración como Patrimonio da Humanidade.

"Hai que investir e apoiar os grupos máis afectados pola pandemia con iniciativas locais", dixo Carballo, quen se mostrou partidario de poñer en marcha medidas que axuden a liderar "o desafío dixital", así como a "fixar talento e crear oportunidades".

Tamén aproveitou para pedirlles á alcaldesa, Lara Méndez, e ao tenente alcalde, Rubén Arroxo, que "deixen de lado a súa pelexa de egos" e "no canto de facer obras por facer, as consensúen, para que sexan actuacións que melloren a calidade de vida dos lucenses no canto de xerar problemas como o carril bici ou as caldas de auga da billa quentadas con quentadores".

Comentarios