O PP propón dar licenzas de obra nun mes a través de entidades certificadoras

Unha lei autonómica permite que entes privados, debidamente rexistrados, avalen a legalidade de proxectos urbanísticos e que estes non teñan que ser informados polos técnicos municipais
Imagen de una grúa de obra. AEP
photo_camera Un guindastre de obra. AEP

O PP lanzou este luns unha proposta para axilizar a aprobación de licenzas urbanísticas no Concello de Lugo, onde existe un atasco importante, que o goberno de Lara Méndez non nega, por diversas circunstancias. Os populares propoñen, como fixo a patronal da construción en maio, que o Concello dea a posibilidade de que os promotores presenten os seus proxectos co aval dunha Entidade de Certificación de Conformidade Municipal (Eccon). 

Esta certificación habilitaría á administración local a aprobar a licenza nun máximo dun mes —quince días en supostos que afecten de forma especial a iniciativas empresariais—, xa que non sería necesario que os técnicos municipais informasen, segundo explicou o viceportavoz do PP, Antonio Ameijide.

Trátase dunha fórmula que permite a Lei de Simplificación Administrativa e Apoio á Reactivación Económica de Galicia, aprobada en febreiro, aínda que de momento non se aplica en ningún concello. O PP expón que esta vía sexa voluntaria, de maneira que se siga mantendo o conduto convencional para quen o desexe, e temporal, ata desfacer o atasco que hai en urbanismo. A oposición non puido achegar este luns datos concretos de cantos proxectos esperan por licenza e o goberno local, consultado por este xornal, tampouco facilitou a cifra.

Con todo, o equipo de Lara Méndez descarta esta proposta porque cre que a concesión de licenzas debe abordarse "con rigor, baixo procedementos garantistas, non oportunistas, que prioricen o interese xeral (inherente á función pública) e non de parte, e que, polo tanto, esixen unha alta especialización técnica non planeamento urbanístico municipal, xa que a responsabilidade final da autorización recae no Concello".

Causas da demora
O goberno local adoita alegar que unha parte importante dos proxectos de obra para os que se solicita licenza chegan incompletos ou con defectos. No 40% dos aprobados en xunta de goberno en 2020 foi necesario reclamar aos promotores entre tres e seis veces, asegura. En cambio, o Colexio de Arquitectos e a patronal da construción minimizan esta circunstancia. 

Unha normativa urbanística complexa, que con frecuencia dá lugar a criterios distintos de interpretación, é outra das causas.

O goberno está a tratar de corrixir este problema. Xa aprobou algunhas unificacións de criterios e prepara unha ordenanza de trámites urbanísticos que profundará neste aspecto.

Para rematar, o departamento de urbanismo vive unha situación anómala, sen concelleiro propio e cun xefe de servizo de arquitectura en funcións, xa que o titular renunciou e está de baixa médica, do mesmo xeito que o edil.

Comentarios