O PP di que o Concello leva ao fiscal as oposicións de Policía para "amortecer a súa responsabilidade"

Carballo asegura que é "unha cortina de fume"
Ramón Carballo. AEP
photo_camera Ramón Carballo. AEP

O grupo municipal do Partido Popular sostén que a decisión do goberno local de Lugo de pór en mans da Fiscalía as sospeitas da presidenta do tribunal en relación coa suposta filtración dos exames para cubrir catro prazas de inspector na Policía Local non é máis que "unha cortina de fume" para "amortecer a súa responsabilidade".

De feito, os populares recordan que esta decisión se fixo pública logo da "presión" realizada polo grupo municipal do PP, cando hai dous días solicitou "acceso ao expediente do proceso".

O seu portavoz, Ramón Carballo, lamentou que PSdeG e BNG "non sexan capaces de levar a cabo os procesos selectivos" no Concello de Lugo, concretamente aqueles que teñen que ver co "nomeamento dos xefes de servizo". "Proceso de persoal que abre, proceso que acaba no xulgado", engadiu.

De feito, afirmou que a presunta "filtración dos exames da Policía Local, que o bigobierno acaba de denunciar" ante a Fiscalía, "pon en dúbida o cumprimento dos protocolos do procedemento". Lamentou, así mesmo, que,  "ademais da mala imaxe e o desprestixio que se proxecta da institución municipal", este tipo de cuestións "tamén repercuten na calidade dos servizos que se lle prestan á cidadanía", neste caso "por atrasar a designación dos cadros de mando da Policía Local".

O Concello de Lugo puxo en mans da Fiscalía a información relativa ao proceso selectivo aberto para cubrir sete prazas de inspector da Policía Local mediante promoción interna, despois do informe presentado pola presidenta do tribunal calificador, no que fala de coincidencias "patentes" nas respostas formuladas por catro axentes con respecto ao persoal de corrección.

Segundo explicou o goberno local de Lugo, o informe asinado pola presidenta do tribunal, que é maxistrada de profesión, fala "da existencia de coincidencias patentes nas respostas de catro axentes" co "persoal de resultados correctos do suposto práctico".

De feito, avisa nese informe de que eses mesmos catro aspirantes foron os que sacaron as mellores puntuacións no exame tipo test e só cometeron erros nas preguntas de dereito penal, que foi as que preparou ela mesma como presidenta do tribunal.

Comentarios