O PP denuncia o ruído que causa un ferro que tapa unha fochanca na Rúa Ourense

Os populares piden que se busque a causa da aparición periódica de blandóns no firme da Avenida Duquesa de Lugo
Rúa Ourense. J.VÁZQUEZ
photo_camera Rúa Ourense. J.VÁZQUEZ

O grupo municipal do Partido Popular denunciou este domingo as molestias aos veciños da Rúa Ourense provocadas por unha chapa metálica colocada polo Concello para tapar unha fochanca no tramo comprendido entre as rúas Poeta Cabanillas e Anduriñas.

O concelleiro popular Rafael Pérez explica que cada vez que un vehículo pasa por encima do ferro metálico provoca un ruído molesto, polo que pide ao equipo de goberno celeridade no arranxo deste problema, xa que durante o día os veciños son capaces de convivir co ruído, pero de noite dificúltalles que poidan conciliar o sono.

O PP recorda que esta situación que agora viven os veciños da rúa Ourense "repítese cada certo tempo en diferentes zonas da cidade xa que, en lugar de tapar as fochancas, o equipo de goberno opta por solucións temporais que dilatan o problema no tempo e que, como neste caso, producen molestias innecesarias aos cidadáns".

Neste sentido, o concelleiro popular anunciou que presentará un rogo en comisión para que se corrixa esta situación o máis axiña posible e evitar que se repita noutras zonas da cidade para evitar molestias aos lucenses.

DUQUESA DE LUGO. Rafael Pérez tamén recorda ao Concello que para evitar a aparición das fochancas fai falta realizar revisións periódicas do firme na cidade e reparar aquelas zonas nas que o chan presenta unha maior deterioración. Neste sentido, o edil pon como exemplo a demora durante varios meses do "arranxo das fochancas que había na Avenida Duquesa de Lugo, na confluencia coa rúa Montefaro, que apareceron debido aos blandóns existentes na vía e que volveron aparecer de novo, aínda que o Concello ignóraos".

O PP explica que hai meses denunciou esta situación e o equipo de goberno "nada fixo aínda" para solucionar o novo afundimento da calzada, polo que pide que se busque a causa desta aparición periódica de blandóns.

Comentarios