sábado. 25.09.2021 |
El tiempo
sábado. 25.09.2021
El tiempo

O PP critica que non figure o novo auditorio na listaxe de bens a asegurar

El nuevo auditorio, en la Avenida de Magoi. AEP
A infraestrutura cultural que se atopa na Avenida de Magoi. AEP
Os populares consideran ''unha incoherencia'' que o Concello inclúa unha cláusula ''antiokupas'' no contrato que sacou a concurso 

O novo auditorio de Lugo é protagonista por un ou outro motivo. Se esta infraestrutura é o centro da polémica porque leva anos á espera de que o Concello o dote de contido cultural, agora volve ao escenario porque o Partido Popular asegura que o goberno local non o incluíu na listaxe de bens municipais para a súa cobertura no novo contrato de seguros que saíu a licitación.

''é un esquecemento rechamante e preocupante'', a xuízo do viceportavoz popular, Antonio Ameijide, que non figure a que é a propiedade máis valiosa do Concello de Lugo, pois supuxo un investimento duns 25 millóns de euros, entre as obras e o seu equipamento. Ata agora o ben máis prezado era o parque da Milagrosa e as súas construcións, que está valorado en 16,7 millóns.

Antonio Ameijide bota tamén en falta nesa relación de propiedades municipais a fábrica da luz, a biblioteca de A Piringalla, o edificio Impuxo Verde —estes dous últimos en obras—, o campo de fútbol do Ceao, o de rugby de Nadela, o parque de enerxías alternativas ou o centro de convivencia do Sacro Corazón, entre outras.

Ante esa ausencia ao concelleiro do PP xórdenlle as ''dúbidas'' sobre se estarán asegurados.

O edil popular achaca ao goberno local que este contrato é ''unha copia e pega mal feito'' porque inclúe dentro das coberturas ''a xestión, explotación e mantemento de vertedoiros'', a pesar de que, segundo precisa, o Concello non ten o guindastre municipal, que di que lle debe corresponder á empresa concesionaria, e ''a explotación da estación de autobuses'', que aclara que é unha infraestrutura da Xunta de Galicia.

O importe do contrato de seguros, cuxas ofertas se podían presentar ata o pasado día 2, ascende en total a preto de medio millón de euros, repartidos en tres lotes, que deben cubrir, entre outros, os bens municipais, cuxo continente está taxados en 273 millóns e o seu contido en 49 millóns.

ANTIOKUPAS . A Antonio Ameijide tamén lle chama a atención deste prego de condicións que o Concello de Lugo inclúa unha cláusula de ''desaloxo forzoso'' das propiedades municipais, o que este edil define como ''seguro antiokupas''.

Aínda que entende que é apropiado que se inclúa esta cobertura, o viceportavoz popular considera ''unha incoherencia'' que se contrate cando os socios do goberno local opuxéronse á proposta do PP de crear unha oficina de asesoramento aos propietarios que sufran a ocupación dos seus inmobles, alegando que Lugo é unha cidade ''na que non existe este problema''.

Pendente: Unha reparación cuantificada en 430.000 euros
Cinco anos despois de que se finalizasen as obras, o auditorio segue sen actividade. Antes de que se reabra o Concello terá que encargar uns traballos, taxados en máis de 430.000 euros, para corrixir as 220 deficiencias detalladas pola consultora contratada para avaliar o estado desta infraestrutura.

Licitación

Está previsto que o Concello saque a licitación as obras nas próximas semanas.

O PP critica que non figure o novo auditorio na listaxe de bens a...
comentarios