O PP censura que o goberno local de Lugo compre a crédito un coche de alta gama

Carballo e Ameijide aseguran que se solicitou "un préstamo" en plena "pandemia" para a adquisición dun vehículo de 70.000 euros destinado aos desprazamentos da alcaldesa
Carballo y Ameijide. SEBAS SENANDE
photo_camera Carballo e Ameijide, este luns en rolda de prensa. SEBAS SENANDE

O grupo municipal do Partido Popular criticou que o goberno local de Lugo vaia a comprar "un vehículo de alta gama", en principio destinado aos desprazamentos da alcaldesa, Lara Méndez, que lle custará á administración local 70.000 euros en plena "pandemia". 

Segundo informaron este luns o portavoz e o viceportavoz do grupo municipal do PP, Ramón Carballo e Antonio Ameijide, respectivamente, o goberno local de Lugo ten prevista a adquisición dese vehículo "de alta gama", un coche híbrido que substituirá ao Audi A6 no que se despraza "a alcaldesa", mediante "un préstamo". 

Nese sentido, os edís do PP cuestionaron a oportunidade de pedir "un préstamo" en plena "pandemia" para cambiar "o coche oficial" que utiliza habitualmente a rexedora local. 

Ademais, os populares precisaron que o Concello tamén adquirirá un segundo vehículo, neste caso de gama media e por un importe de 33.000 euros, "non sabemos se para o seu vicealcalde -o nacionalista Rubén Arroxo- ou para os edís" do goberno local, apostilaron. 

Así mesmo, en canto ao orzamento do Concello de Lugo para o próximo ano, o PP cuestiona que a administración local vaia solicitar un crédito por valor de 7,1 millóns de euros, que sumará case 1 millón de intereses, cando "hai ano e medio" había "47 millóns de euros en remanentes". 

Tamén criticaron a "escalada" do bipartito "no gasto corrente", que sobe 2,5 millóns de euros e pasa dos 88 millóns de 2020 aos 90,7 previstos para o próximo ano. 

Dese modo, engaden, os investimentos non chegan "ao 14% do orzamento", cando o gasto corrente supón "o 85% do total". 

Comentarios