O PP di que Méndez está "apercibida de desobediencia grave" polo caso da Fábrica da luz

Ameijide asegura que o goberno local non achegou os documentos que lle requiriu o xulgado

Fábrica de la luz. ANA SOMOZA
photo_camera Fábrica da luz. ANA SOMOZA

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, dixo este mércores que a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, "está baixo un apercibimiento de desobediencia grave á autoridade xudicial por non entregar a documentación" do contrato para restaurar e pór en funcionamento a minicentral eléctrica coñecida como a Fábrica da luz, situada a beiras do río Miño.

Ameijide recordou que Lara Méndez leva desde o 11 de outubro "desobedecendo un requirimento do Xulgado Contencioso Administrativo Número 1 de Lugo", no que se lle daba ao goberno local de Lugo "un prazo improrrogable de dez días" para "completar o expediente administrativo da Fábrica da luz", do que "faltaban polo menos 68 documentos".

O portavoz popular pregúntase "que escuros motivos ten a alcaldesa para non entregar a documentación" relativa á Fábrica da Luz e que o xulgado se vexa obrigado a requirir "por segunda vez a documentación relativa ao contrato".

Ao seu xuízo, pola "soberbia" da alcaldesa e a "neglixencia socialista" na rehabilitación e posta en funcionamento da Fábrica da luz e a urbanización do Garañón, poden aumentar "as maiores indemnizacións" ás que podería ter que facer fronte o Concello de Lugo. 

Comentarios