O PP arranca a campaña de sinaturas na rúa para que se abra o Auditorio de Magoi

Os populares estiveron na Praza Maior informando e invitando á veciñanza a sumarse a esta reinvindicación ► A carpa de recollida de sinaturas do sábado estará na Calle Aguirre a partir das 12:00 horas
A carpa destinada á recollida de sinaturas está situada na Praza maior. TWITTER: @PPConcelloLugo
photo_camera A carpa destinada á recollida de sinaturas está situada na Praza maior. TWITTER: @PPConcelloLugo

O Partido Popular volveu este venres á rúa a protagonizar unha nova acción para visibilizar o malestar que hai entre a cidadanía de Lugo para que se abra o novo Auditorio de Magoi. Neste sentido, o voceiro popular Ramón Carballo explicou que “hai tres feitos obxectivos: temos un edificio punteiro no que se investiron 25 millóns de euros, unha dotación cultural construída e equipada con dispositivos de última xeración e, en terceiro lugar, esta infraestructura é dende hai un ano e sete meses propiedade do Concello de Lugo". 

"Ata que non abran o auditorio seguiremos reivindicando a súa posta en funcionamento” manifestou Carballo, quen subliñou que "o único que pretendemos con esta recollida de sinaturas presencial e virtual a través da plataforma change.org é conseguir que a alcaldesa deixe de botar balóns fóra e facerse a vítima para tapar a súa falta de xestión". Os populares lembran que o PSOE e o BNG o 23 de xuño de 2019 asinaron a acta de recepción do edificio "se tan mal estaba non comprendemos os motivos polos que o recepcionaron"  engadindo que "o que non é de recibo é que, a estas alturas, non empezasen nin as obras que pregonan se necesitan para a súa posta en funcionamento".

O voceiro popular Ramón Carballo lamentou "a deixación de funcións da alcaldesa de Lugo e do seu socio de goberno no que respecta a dar un prazo para a apertura deste edificio construído e equipado" reprochándolle a súa actitude vitimista  

Carballo concluía que “o deixamento de funcións da alcaldesa de Lugo e do seu socio de goberno supón un desprezo para a cultura local, para os veciños do barrio e para toda a cidadanía en xeral”. “Dende logo que deste xeito non defende nin á industria cultural, nin aos artistas, nin aos músicos, nin aos actores" subliñaba o voceiro do PP. 

Os populares consideran que “a situación de abandono do Auditorio, que é propiedade do goberno local dende hai un ano e sete meses, confirma que o bipartito de Lugo é un modelo esgotado e que é necesario un cambio”

Pola súa banda, a Presidenta Provincial Elena Candia pediu ao bigoberno de Lugo "que abandone a actitude de confrontación coa Xunta" e explicou que "a situación do novo auditorio de Lugo é un dos exemplos da falta de xestión do bigoberno", asegurando que "estas firmas suporán reafirmar a nosa demanda de que os lucenses non queren convivir cun lugar desatendido, pechado e esquecido, senón que queren que a cultura sexa un mecanismo para conseguir un Lugo centrado nas persoas".

Elena Candia pediu ao bigoberno de Lugo que abandone a actitude de confrontación coa Xunta "é hora de que asuma a súa responsabilidade con esta infraestructura  xa que os lucenses estamos moi cansos de que PSOE e BNG poñan á Xunta como excusa para ocultar a súa falla de xestión"

A carpa de recollida de sinaturas do sábado estará na Calle Aguirre a partir das 12:00 horas.

Comentarios