Pop e cantareiras para o fin de festa

Os cataláns Manel interpretaron temas do seu último disco en Horta do Seminario e Tanxugueiras encheron coas súas voces Santa María no peche das patronais de San Froilán
El concierto de Tanxugueiras. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera O concerto de Tanxugueiras. VICTORIA RODRÍGUEZ

O pop de Manel encheu este martes a Praza Horta do Seminario, onde o grupo catalán mostrou a súa soltura no escenario e ante un público que adoita ter no peto de antemán. Hai un estilo Manel e quen vai aos seus concertos espérao e, sen dúbida, recíbeo.

O cuarteto catalán presentou en Lugo temas do seu último disco, pero tamén fixo un repaso polo resto da súa discografía. Arnau Vallvé, Martí Maymó, Roger Padilla e Guillem Gisbert coñécense desde nenos e iso nótase no escenario, no xeito na que interactuan cando botan a vista atrás na súa discografía. Por Horta do Seminario pasaron os últimos 13 anos de música pop catalá, o tempo que fai que publicaron o seu primeiro disco Els millors professors europeus, que conseguiu un disco de ouro e fíxoos coñecidos e tarareados en Cataluña, Levante e Baleares.

Os integrantes de Manel puxeron o punto e final a un programa de concertos que contou no seu último día cunha interesante mestura de estilos. En Santa María actuaron antes Tanxugueiras, o trío de cantareiras e pandereteiras que aplican as súas influencias musicais en cancións tradicionais e ás que o público apoia rotundamente como representantes de España en Eurovisión.

As Tanxugueiras visitaron Lugo con anterioridade –a última vez este pasado mes de xullo dentro do ciclo Lugocultural– pero o de onte foi un concerto especial. As irmás Olaia e Sabela Maneiro (de Teo) e Aida Tarrío (de Ribeira) teñen unhas voces prodixiosas e unha habilidade coa pandereita froito de empezar a tocala sendo moi pequenas. A estas alturas xa parece unha extensión da súa man. O público de Lugo agradeceulles a súa entrega sobre o escenario. No repertorio non faltou Figa, a canción que os eurofans quixesen que representase a España no próximo certame de música.

Noutro escenario, o da chaira do parque de Frigsa, xunto ao auditorio Gustavo Freire, Galician Army presentou un espectáculo especialmente deseñado para as festas, segundo explicou o DJ integrante do grupo Sergio Vallejo. Durante hora e media, el e Alberto Prado puxeron á xente a bailar, mesturando temas moi coñecidos das décadas dos 80 e 90 con bases de house e piano en directo, nos que deixaron notar as súas influencias, como Vangelis, Daft Punk e Pet Shop Boys.

Ademais, en Horta do Seminario tamén soou, antes do concerto de Manel, o folk de Milesios. O grupo interpreta música galega e irlandesa, que o martes nbsp;estaba de loito coa morte de Paddy Moloney, fundador de The Chieftains. Alí soaron cancións tanto de Alén do mar como do seu segundo traballo, Indoevindo.

Ademais, Fran López, Nando Brocos e Bubi Vidal, da banda de punk rock Filophobicas estiveron en Santa María dando un concerto vespertino de entrada libre que atraeu aos curiosos, así como aos seguidores.

Lagarto zulú e Banda Bestial foron os encargados dos concertos de mediodía, programados para que a música non parase en todo o día de peche dos festexos. Polas rúas do centro, para pór banda sonora a quen gozaban dun vermú ou viño baixo o sol do mediodía, estiveron A volta do agro, levando a súa música tradicional en pasacalles.

Comentarios