Pontón reclama axudas directas para as empresas afectadas polo incendio do Ceao

A portavoz do BNG visita o polígono lucense
photo_camera Pontón, non Ceao. XESÚS Ponche

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, demandou este xoves nunha visita ao polígono industrial do Ceao axudas directas para as seis empresas afectadas polo incendio do pasado domingo, posto que "están en xogo máis de cen postos de traballo". 

O lume do pasado domingo arrasou seis naves do polígono industrial, que na actualidade aínda está sometido a traballos de refrixeración por parte dos bombeiros de Lugo, para evitar que se volva a reproducir.
Pontón cos bombeiros. A.T.A

Así as cousas, Pontón subliñou que "noutro tipo de incendios, as fábricas tiveron axudas directas; e é lóxico que, neste intre, esa sexa a disposición da Xunta de Galicia e do Goberno central", comentou a política sarriá. 

A líder do BNG cre que tanto a Xunta como o Goberno central deberían implicarse e non só con préstamos, "senón con axudas directas para que non se perda nin un só emprego e que este incendio non deixe ningunha perda da actividade económica".

A adxunta á presidencia de El Progreso, Blanca de Cora, acompañou a Pontón durante a súa visita ás instalacións do grupo de comunicación afectadas polo lume.