Empezarán a próxima semana

50.000 usuarios lucenses cambian este mes de médico de cabeceira

Un total de 38 profesionais móvense dentro da provincia, mentres que outros 12 trasladaranse a outras
Espera para solicitar cita en un centro de salud
photo_camera Espera para solicitar cita en un centro de salud

Miles de lucenses cambiarán este mes de médico de cabeceira a consecuencia do concurso de traslados recentemente resolto polo Sergas, no que participaron 1.199 sanitarios, entre facultativos de Primaria, pediatras, enfermeiros, fisioterapeutas farmacéuticos, auxiliares de enfermería, matronas ou odontólogos, entre outras categorías. En concreto, no caso da provincia de Lugo son 47 os profesionais que cambian de posto.

Non resulta sinxelo calcular cantos pacientes se verán afectados exactamente polo cambio do seu médico de Familia porque cada un destes profesionais pode ter ata 1.500 pacientes adscritos á súa cota. Aínda que moitos facultativos que exercen na capital superan ese cociente, recomendado polo Sergas e as sociedades científicas, o certo é que na provincia tamén os hai que non chegan nin sequera ás mil tarxetas. En todo caso, como moi pouco uns 50.000 lucenses veranse afectados. No actual concurso de traslados de persoal de Atención Primaria participaron, ademais de 47 médicos, 2 pediatras e 1 odontólogo.

Doce dos postos cubriranse con profesionais que ata agora exercían noutras provincias, mentres que outros 38 sanitarios moveranse dentro da provincia de Lugo.

Estes cambios afectan a un total de 35 centros de saúde e 13 Puntos de Atención Continuada, segundo o Sergas. Entre outros, serán os centros de Barreiros, Vilalba, Cervo, Foz, Monforte de Lemos, As Nogais, Riotorto, Ribadeo, Becerreá, Sarria, Palas, Mondoñedo, Pedrafita, O Vicedo, Muras, Sagrado Corazón de Lugo, A Pontenova, Rábade e Begonte os que sufran algún cambio dos profesionais que exercen neles.

En canto aos PAC, haberá cambios nos facultativos que dan cobertura ás urxencias de Primaria nos de Lugo, Mondoñedo, A Fonsagrada, Viveiro, Meira, Vilalba e Becerreá.

Os pediatras que cambiarán de praza son dous: un do centro de Illas Canarias en Lugo e outro no de Vilalba-Abadín.

Igualmente produciranse cambios no persoal de Enfermería de varios centros.

Comentarios