A Politécnica estuda a mellora de cultivos a través da fertilización

Participa nun proxecto que se realiza no noroeste peninsular

Escola Politécnica Superior del campus de Lugo. AEP
photo_camera Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. AEP

Varios investigadores do campus de Lugo, vinculados á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, participan nun grupo operativo de carácter supra autonómico que se acaba de crear co fin de mellorar o rendemento de cultivos extensivos no norte de España a través de fertilizantes de última xeración e ferramentas de diagnóstico rápido. O grupo, denominado Diagrint, está coordinado pola empresa galega Soaga e tamén toma parte a vasca Blue Agro S.L, xunto coa Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga).

O proxecto, que conta con financiamento do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020, céntrase, por unha banda, na innovación de fertilizantes e, por outro, no desenvolvemento de estratexias de uso máis eficientes, dado que tanto a normativa como as demandas dos agricultores requiren produtos cada vez menos contaminantes e máis eficaces.

O estudo partirá de abonos de liberación lenta, que se probarán en distintas localizacións e tamén con novas formulacións que inclúan biomoléculas que poidan melloralos. Este tipo de fertilizantes evitan a perda de nitróxeno pola acción de lavado e por emisións á atmosfera, explica Elvira López Mosquera, unha das investigadoras involucradas xunto con Adolfo López Fabal, Miguel Fernández Labrada e Socorro Seoane Labandeira.

Á súa vez, tamén se pretende deseñar sistemas que permitan asesorar de forma áxil e económica ao agricultor sobre a cantidade e tipo de fertilizante que precisa para os seus campos, para o que se afinarán sistemas de diagnóstico baseados en ferramentas rápidas. "O importante é botar a cantidade precisa de fertilizante no momento adecuado porque iso permite economizar en abono e tamén en danos ao medio ambiente", explica Elvira López.

Para levar a cabo o estudo seleccionáronse agricultores de Galicia, Asturias, Castela León, País Vasco e Navarra que permitirán facer os ensaios nos seus campos. Os estudos centraranse en millo forraxeiro, pradería, de gran presenza en Galicia; a rotación de pataca e trigo que se usa na zona de Burgos e A Limia, e o cereal de Castela e tamén galego.

Comentarios