A Policía Nacional desarticula dous puntos de venda de droga na Piringalla e Sanxillao

As pescudas iniciáronse por mor das queixas veciñais e saldáronse con tres detidos
Policía Nacional. ARCHIVO
photo_camera Control Policía Nacional. ARQUIVO
Axentes da Policía Nacional de Lugo detiveron a tres homes, dous de vinte e cinco anos, con antecedentes, e un de vinte, sen antecedes, por senllos delitos de trafico de drogas.
 
Segundo explicou onte o portavoz policial, en ambos os casos, as investigacións iniciáronse grazas á colaboración de varios cidadáns, “que son quen alertaron da presenza de persoas de aspecto toxicómano e alleas aos barrios onde se desenvolven as vendas”.
 
No caso dos dous primeiros detidos, a operación policial deu como resultado o desmantelamento dun punto de venda de drogas na zona da Piringalla e Garabolos, “onde se movían estes dous homes, xa coñecidos polas forzas e corpos de seguridade, quen os detiveron en varias ocasións, polos mesmos feitos”, apuntan.
 
O seu ‘modus operandi' consistía en realizar as operacións de venda desde o vehículo ou utilizar a persoas moi próximas á súa contorna para realizar as entregas.
 
No transcurso da operación incautáronse 1.900 euros e máis de duascentas doses de haxix.
 
Por outra banda, a Policía Nacional tamén recibiu queixas por movementos “de venda de sustancias estupefacientes” na zona de Sanxillao. Os axentes abriron outra investigación e, logo de varios días de seguimentos e vixilancias, detectaron a un home “moi novo” que esperaba a determinados vehículos, subíase a eles e, logo de dar unha volta á mazá ou pola mesma vía, volvíase a baixar no mesmo lugar.
 
“Mentres esperaba a estes turismos que o recollían”, comenta o portavoz de corpo, “o mozo mostraba unha actitude moi nerviosa e inqueda, co que se procede á localización deses posibles compradores, a quen se lles incautan diferente dose de haxix e marihuana”.
 
Uns días máis tarde, a Policía localizou ao presunto traficante e procedeu ao seu arresto. Ademais, interviñéronlle 95 euros en moeda fraccionada e oito dose de hachis  e marihuana.