A Policía de Lugo disolveu dúas reunións ilegais en vivendas nos últimos días

Participaban non conviventes e os veciños alertaron polo exceso de ruído nocturno
Avenida de Afonso X O Sabio
photo_camera Rúa Afonso X O Sabio, en Lugo. AEP

Axentes do operativo nocturno da Policía Local de Lugo denunciaron a celebración de dúas reunións ilegais en vivendas da avenida de Afonso X O Sabio e do Sagrado Corazón, nas que participaban persoas non conviventes.

A primeira delas rexistrouse na noite do venres ao sábado pasado. Sobre as 23.30 horas do venres, a Policía Local foi alertada por residentes dun edificio da Avenida de Afonso X O Sabio, que afirmaban que o ruído procedente dun piso veciño lles impedía descansar.

Os axentes do grupo nocturno desprazáronse ata o lugar e comprobaron que no salón da vivenda había restos dun botellón. Procederon a identificar aos presentes e comprobaron que cinco deles non eran conviventes, polo que os denunciaron por infracción á Lei de Saúde de Galicia e enfróntanse a sancións de 500 euros cada un. Ademais, levantaron acta de denuncia por infracción á ordenanza de Protección Ambiental, por xerar ruídos en horario non permitido.

A segunda reunión ilegal rexistrouse o domingo. De novo foron os veciños dun edificio do Sagrado Corazón os que protestaron polos ruídos molestos que procedían dunha vivenda.

Os axentes desprazáronse ata o lugar e comprobaron que se escoitaban voces en ton moi alto, polo que identificaron ao responsable e pedíronlle que cesase, ao que accedeu ao instante. No entanto, foi denunciado por infracción da ordenanza de Protección Ambiental. Ademais, os axentes formularon tamén unha denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia, ao detectar que na vivenda había persoas non conviventes.

Comentarios