A Policía Local inmobilizou un coche sinalado por condución temeraria

O coche foi trasladado ao depósito municipal e o comportamento do condutor será sancionado
Coche de la Policía Local de Lugo. J.VÁZQUEZ
photo_camera Coche da Policía Local de Lugo. J.VÁZQUEZ

Un condutor que circulou cometendo imprudencias nas proximidades do Miño e xerando inquietude entre os usuarios dos paseos próximos ao río acabou o martes co seu coche inmobilizado pola Policía Local.

Axentes do corpo municipal de seguridade inmobilizaron o martes un vehículo tras recibir chamadas cidadás alertando da presenza no Paseo de Palestina dun coche circulando de forma temeraria.

O comportamento do condutor espertou a inquietude dos cidadáns que paseaban nese momento por ese paseo próximo ao río Miño, que avisaron á Policía e, ademais, facilitaron a matrícula do coche, para facilitar a súa localización e conseguir que se atallase o seu comportamento.

Tras recibir a alerta, unha patrulla policial iniciou a procura do automóbil e logrou localizalo. No momento no que os axentes deron co condutor, este xa circulaba con normalidade e abandonara o comportamento que provocara a alarma cidadá.

SEGURO. Con todo, o condutor circulaba sen ter en regra toda a documentación, dado que non tiña en regra o seguro obrigatorio do automóbil. Ese feito, permitiu aos axentes formular denuncia contra o condutor e inmobilizar o vehículo.

O coche foi trasladado ao depósito municipal e o comportamento que provocou a alarma dos cidadáns acabará tendo un prezo elevado para o condutor en forma de sanción.

Comentarios