A Policía detén a un lucense por estafa en transaccións con bitcoins

O mozo actuaba como intermediario entre as vítimas e unha rede que comete ciberdelitos
AppleMark
photo_camera Comisaría da Policía Nacional en Lugo. ARQUIVO

Un mozo, de 28 anos de idade, foi detido na capital lucense por axentes da Policía Nacional acusado de dous delitos de estafa na compravenda de bitcoins, unha moeda electrónica á que se recorre para realizar transaccións a priori dunha forma segura.

O arrestado, que carecía de antecedentes, actuaba como intermediario entre os afectados e unha rede de estafadores. Esta fíxose co diñeiro, a través dun método coñecido como pishing, unha técnica onde mediante o engano gáñase a confianza da vítima suplantando a unha persoa ou empresa que lle xera confianza para obter os seus datos bancarios e persoais.

A investigación foi levada a cabo pola Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (Udev) da Policía Nacional de Lugo. Os feitos foron denunciados en Castelló e Pamplona, onde residen as vítimas, que sufriron unha estafa de 600 e case 4.000 euros, respectivamente.

O mozo presuntamente encargábase, a través dunha plataforma online, de intentar dificultar ás forzas da orde o rastrexo dese diñeiro estafado mediante a compravenda de bitcoins.

A un veciño de Pamplona estafáronlle case 4.000 euros e a outro de Castelló 600

As vítimas, unha vez que foron convencidos pola trama, ingresaron esas sumas de diñeiro para recibir a cambio a moeda electrónica.

Nesta ocasión, logo de realizar os respectivos ingresos non lles foi devolta a cantidade correspondente en bitcoins, co que logo de comprobar nas súas entidades bancarias que lles había detraído o diñeiro, pero non lles ingresaron o produto adquirido, procederon a interpor as denuncias nas comisarías de localidades nas que residen.

A operación trasladouse á comisaría da capital lucense ao seguir a pista do diñeiro. Os axentes detiveron a este mozo de 28 anos e puxérono a disposición xudicial.

 O mozo non só foi detido, senón que tamén se tivo que rascar diñeiro do seu peto. Como unha entidade bancaria observou irregularidades na transacción, conxelou o abono do diñeiro, polo que o detido tivo que facer fronte ao pago dos case 4.000 euros que a rede pretendía estafar ao veciño de Pamplona.

Comentarios