Podemos e EU confirman que concorrerán por separado en Lugo

Josito Pérez encabezará a lista morada e Carlos Portomeñe a de Ace, que competirán contra a de Lugonovo

Josito Pérez, Carlos Portomeñe e Xosé Chorén. EP
photo_camera Josito Pérez, Carlos Portomeñe e Xosé Chorén. EP

Podemos e Esquerda Unida concorrerán por separado ás eleccións municipais do próximo 26 de maio no Concello de Lugo, onde competirán contra outra candidatura o espazo político da chamada unidade popular, Lugonovo, que goza do respaldo orgánico de En Marea. 

Así, o partido morado preséntase baixo a marca Podemos Lugo nunha lista encabezada polo secretario local, Josito Pérez, quen, en declaracións a Europa Press este mércores, lamentou que Esquerda Unida "non quixo negociar" a configuración dunha candidatura "de unidade". 

Tamén este mércores, Esquerda Unida anunciou a adhesión de Equo á candidatura que lidera o portavoz municipal de Alternativa Cidadá de Esquerdas (Ace) durante o último mandato, Carlos Portomeñe, que repite como candidato á Alcaldía. 

Deste xeito, do mesmo xeito que sucede en Ourense, ata tres candidaturas do espectro da chamada unidade popular se presentan ás eleccións locais en Lugo: Podemos, ACE-Esquerda Unida e Lugonovo.

Esta última, na que participou o partido morado ata que os seus membros optaron por desligarse, conta co respaldo do partido instrumental En Marea, que lidera Luís Villares. 

En declaracións a Europa Press, o secretario local de Podemos Lugo e membro da dirección do partido morado en Galicia, Josito Pérez, asegurou que Esquerda Unida "non quixo negociar" a unión baixo unha mesma candidatura. "Pesaron máis outras cousas, non o entendemos", apostila. 

Pola súa banda, nun comunicado, Esquerda Unida afirma que Ace representa "unha candidatura de unidade popular" que opta pola fórmula de coalición "por resultar a máis adecuada para expresar a unidade sen renunciar á diversidade ideolóxica". 

Unha barreira inquebrantable
Segundo fontes consultadas por Europa Press, a pretensión de Portomeñe e Pérez por ser candidatos á Alcaldía imposibilitou desde o inicio que as negociacións para o acordo entre EU e Podemos llagasen a bo porto. 

Lugo xa contou en 2015 con dúas candidaturas do mesmo espectro político: Lugonovo –integrada nese momento por sectores próximos a Anova, Podemos e Espazo Ecosocialista– e Ace, promovida por Esquerda Unida. 

Catro anos despois, as opcións políticas de esquerda para os lucenses engaden un novo actor e haberá ata tres candidaturas que se reivindican do mesmo espectro político nunha cidade como Lugo, cunha poboación por baixo de 100.000 habitantes.

Comentarios