O plan para rehabilitar vivendas no centro de Lugo recibirá medio millón

Outros oito municipios da provincia benefícianse do programa, que achegará axudas de ata 24.000 euros para a mellora de casas localizadas en áreas de rehabilitación integral
 la ministra de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Raquel Sánchez, y la conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, firman los acuerdos del Plan de Vivienda para Áreas de Regeneración y Renovación Urbana y Rural
photo_camera Foto de familia tras la firma de los convenios para la rehabilitación en municipios gallegos. PEPE FERRÍN

O programa de rexeneración urbana do centro histórico de Lugo recibirá este ano con 530.061 euros, procedentes do Plan Estatal de Vivenda para a rehabilitación de casas no centro.

As axudas, para actuacións no ámbito do Pepri, dobran ás do exercicio anterior e permitirán subvencionar ao redor dunha trintena de obras de conservación e mantemento de inmobles. Serán subvencionables tamén proxectos como os de aforro e eficiencia enerxética ou de mellora da accesibilidade aos edificios do centro.

O importe máximo das subvencións, para obras que se poderán executar ata o ano 2025, é de 24.000 euros por vivenda.

O Concello de Lugo estima que o programa permitirá, sumando o gasto público e o privado, un volume de investimento que superará os 1,3 millóns de euros.

A alcaldesa, Lara Méndez, asinou onte en Santiago o convenio para a renovación dese programa de obras de rehabilitación, para as que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) achegará 386.253 euros, a Consellería de Medio Ambiente porá 99.808 euros e o Concello, 44.000 euros.

Os fondos que pon o Concello para ese programa, que leva dezaseis anos en marcha, destinaranse a sufragar parte dos labores de reurbanización e renovación de servizos, como pode ser a iluminación, así como os custos do equipo técnico de xestión do programa. Ademais, o Concello eximirá aos promotores do pago da taxa de servizos urbanísticos e aplicará unha bonificación de ata o 95 por cento no imposto sobre construcións.

Tras a firma do convenio onte, o Concello comprométese a publicar no prazo de catro meses a convocatoria das axudas para a rehabilitación, que se xestionarán a través de Evislusa. Méndez dixo que o Concello ten vontade de ser diligente na xestión deses fondos para rehabilitación.

PROVINCIA E GALICIA. Do programa de axudas á rehabilitación non se benefician só propietarios da capital, senón que o plan chega a outros oito municipios lucenses: Castro de Rei, Chantada, Guitiriz, Mondoñedo, Monforte, Quiroga, Ribadeo e Sober.

No conxunto galego, son vinte e dous os municipios que participan este ano no programa de áreas de rehabilitación integral e en conxunto repartiranse 10,2 millóns de euros.

Cun total de 76 áreas de rehabilitación municipal e tres de carácter supramunicipal (As de Camiños de Santiago, Parque de Illas Atlánticas e Ribeira Sacra), Galicia é a comunidade española que máis aposta por ese programa de rehabilitación, sostivo onte a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto.

Por iso, no acto de firma dos convenios, ao que asistiu a ministra de Axenda Urbana, Raquel Sánchez, a conselleira pediu que o Goberno manteña ese programa que permite a rehabilitación do patrimonio construído.

Comentarios