Piden que se limpe a contorna do cruceiro de Vilamoure para localizar as pezas que lle faltan

O monumento atópase na parroquia de Saa

Cruceiro de Vilamoure. EP
photo_camera Cruceiro de Vilamoure. EP

Patrimonio dos Ancares rexistrou un escrito no Concello pedindo que se limpe a contorna do cruceiro de Vilamoure, na parroquia de Saa, para ver se así se poden localizar as pezas que lle faltan.

Despois de que a cruz fose mutilada hai anos presentaba varias ausencias. Ao Cristo faltábanlle a cabeza e os brazos, ademais da parte horizontal e superior da cruz onde se apoiaba a imaxe. Ata hai un tempo as pezas rotas amontoábanse na base do cruceiro. Con todo, Patrimonio dos Ancares asegura que agora só se atopa alí unha peza onde se ve parte dunha man do Cristo.

Nos arredores do cruceiro non se localizaron máis pezas, polo que o colectivo reclama ao Concello que proceda á roza e limpeza de toda a zona para ver se se poden recuperar as pezas que faltan.

Tamén piden que se tomen medidas para recuperar o cruceiro e devolvelo ao seu anterior estado, á vez que recordan o seu valor patrimonial.

Comentarios