Piden cárcere para unha muller acusada de roubar móbiles e lanzarlle unha grapadora a unha policía

A Fiscalía solicita dous anos e nove meses por furto e atentado

Unha lucense con iniciais C.F.C. podería ingresar en prisión por lanzarlle unha grapadora á cabeza a unha axente da Policía Nacional cando estaba en comisaría, xa que acababa de ser pillada roubando móbiles nunha tenda. A fiscalía acusa á muller dun delito continuado de furto e outro de atentado, polos que solicita para ela dous anos e nove meses de prisión. 

A muller está acusada dun furto cometido no centro comercial As Termas o 28 de outubro de 2014. Ese día, sobre as dez e media da mañá, entrou na tenda Media Mark e apoderouse de dous teléfonos. Segundo figura no escrito de conclusións provisionais da Fiscalía, os móbiles –un LG G3S e un Sony Xperia Z3 BL– estaban valorados nun total de 1.140 euros. 

A acusada viu que lograba o seu obxectivo e optou por repetir a súa fazaña, así que regresou ao día seguinte ao mesmo establecemento e subtraeu outros dous teléfonos. 

Nesa ocasión, segundo a versión do ministerio público, a muller escolleu dous móbiles modelo Huawei P7, taxados nun total de 570 euros. 

Con todo, a acusada non correu tanta sorte como o día anterior, xa que foi sorprendida polo vixiante de seguridade cando intentaba abandonar o establecemento. Grazas á actuación do vixiante, o terminal foi recuperado. 

A presunta ladroa foi traslada á comisaría da Policía Nacional, onde insultou a unha policía e díxolle:"Es unha estúpida, voute a matar, canalla". Acto seguido, colleu unha grapadora e lanzoulla á cabeza, pero a policía logrou esquivala. 

O xuízo celebrouse no Penal 1 e quedou visto para sentenza.

Comentarios