Unha campaña busca devolver o busto de Xoán Montes a Santo Domingo

O busto do músico, que data de 1903, foi trasladado a San Roque temporalmente por mor dunhas obras na céntrica praza, onde se situaba a residencia do artista, pero nunca volveu

Situación original del busto en la Praza de Santo Domingo. EP
photo_camera Tradicional ofrenda floral no busto de Juan Montes. AEP

Nunca é tarde para volver á casa. Ou polo menos iso pensan varias asociacións culturais da cidade, que se sumaron á petición impulsada por Julio Méndez Menéndez de Llano e por Fernando Gómez Jácome para que o busto de Xoán Montes, un dos músicos máis ilustres da cidade creador, entre outras pezas, do poema musical Negra sombra, volva ao seu lugar de orixe.

Esa petición, asinada polo Orfeón de Xoán Montes e pola asociación Lugo Monumental, entre outras, involucra a practicamente todas as agrupacións musicais da cidade.

A peza, situada a día de hoxe nos xardíns de San Roque, atopábase orixinalmente na Praza de Santo Domingo, que era onde se situaba a residencia do artista. Unhas obras nas primeiras décadas do século, foron as causantes do seu traslado, nun principio, temporal. Pero o busto xamais regresou á súa casa, onde si que se pode atopar unha placa en honra ao músico.

Pouco menos dun século despois, unha petición, á que se sumaron varias agrupacións culturais, tenta lograr que volva ao seu lugar orixinal.

"É unha cuestión de lóxica, a obra debería estar no lugar onde se atopaba a súa residencia", comentou Luis Latorre, presidente da asociación Lugo Monumental. "Ademais, na praza terá unha maior visibilidade, algo merecido tendo en conta a importancia do artista", concluíu.

Situada en Santo Domingo en 1903, a estatua é obra de Eugenio Duque, que realizou a obra tan só catro anos despois da morte do artista. A pesar da súa antigüidade, o busto consérvase íntegro. Unicamente cambiou a peaña, sendo a actual obra de emigrantes galegos residentes en Buenos Aires.

Desde Lugo Monumental, propoñen que a obra sexa trasladada ao parterre que hai na parte superior da praza, no seu encontro con San Marcos, por tratarse dunha zona moi transitada polos peóns. Doutra banda, suxiren ocupar o espazo actual cunha obra de referencia ao Arde Lucus ou cunha das pezas conservadas nos almacéns municipais.

Comentarios