Persegue en coche á súa ex e ao seu fillo pola autovía e acepta un mes de traballos

A muller detívose e o home achegouse e pediulle as chaves do piso

Un veciño da capital recoñeceu este martes ante a xuíza do Penal número 1 de Lugo que perseguiu en coche á súa exparella e ao fillo de ambos pola autovía. O home confesouse culpable dun delito de coaccións e aceptou unha condena de 31 días de traballos en beneficio da comunidade. Ademais, non poderá achegarse nin comunicarse coa denunciante durante un período de dous anos.

O altercado produciuse o 16 de agosto de 2017. Ese día, sobre as once da noite, o acusado ía ao volante do seu turismo e comezou a perseguir e á súa exparella na última rotonda da Avenida Benigno Rivera, no Ceao.

A muller, coa intención de esquivalo, colleu o desvío da autovía A-6, en dirección Madrid, e continuou a súa viaxe, pero non logrou o seu obxectivo porque o acusado seguiu tras ela. O home chegou incluso a adiantala en varias ocasións, aínda que segundo quedou recollido no escrito de acusación da Fiscalía, "non chegou a pór en perigo a súa vida ou a súa integridade física".

Finalmente, a muller abandonou a autovía pola Fervedoira e detívose nun semáforo. E xusto nese momento, o acusado parou detrás, baixouse do vehículo e achegouse ao turismo da súa exparella. Acto seguido, abriulle a porta e pediulle as chaves do piso.

Ao día seguinte destes feitos, o xulgado de instrución número 3 ditou unha orde de afastamento que prohibía ao home achegarse á súa ex. O ministerio fiscal acusouno dun delito de coaccións e solicitou inicialmente unha condena de once meses de prisión. Con todo, o xuízo non chegou a celebrarse porque o acusado recoñeceu os feitos e chegou a un acordo coas acusacións.