Perde a herdanza por non cumprir as dúas condicións que lle impuxo a súa nai

Debía coidar a unha irmá enferma e aos seus pais e agora terá que repartir o legado
Maza de un juez. PIXABAY.
photo_camera Maza dun xuíz. PIXABAY.

Unha muller que tivo varios fillos e fillas deixoulle a unha delas en herdanza a vivenda familiar con dúas condicións: que a atendese a ela ou ao pai cando un dos dous falecese e que coidase a unha irmá que ten problemas de saúde. Con todo, cando os seus proxenitores morreron, os seus irmáns levárona a xuízo por incumprir as condicións que impuxera a súa nai. A Xustiza deulles a razón, polo que a demandada quedou sen a herdanza.

Tal e como se recolle no fallo do xulgado de Primeira Instancia número 5 de Lugo, a proxenitora fixo testamento o 11 de agosto de 1965 e legoulle a unha das súas fillas a casa familiar e o terreo que a rodeaba, pero impúxolle 'unhas obrigacións'.

Estas condicións eran que esa filla tería que atendela a ela ou ao pai (o último en falecer) e coidar tamén a unha das súas irmás, afectada dun problema de saúde.

A proxenitora morreu antes que o seu marido, e cando este faleceu, a filla herdou a propiedade, pero o resto dos seus irmáns acudiron aos tribunais ao entender que a herdeira non cumprira as condicións impostas.

O xuíz considera que foron todos os irmáns por quendas os que coidaron do viúvo e os veciños, da irmá enferma

Tras escoitar o testemuño de todos o interesados, o xuíz considerou probado que, cando o pai enfermou, "foron todos os fillos os que se encargaron do seu coidado". Así, a filla á que a súa nai elixira como herdeira unicamente "realizaba quendas co resto dos irmáns".

A sentenza explica tamén que "tampouco cumpriu o encargo" de coidar da súa irmá. De feito, os veciños e familiares que prestaron declaración no procedemento explicaron que, tras falecer o pai, a filla que tiña problemas de saúde vivía soa e eran os veciños quenes a axudaban e estaban pendentes por se se vía afectada por ataques epilépticos.

Con estes argumentos, o maxistrado declarou "a ineficacia do legado incluído no testamento" da nai e obrigou á herdeira a retrotraer "o ben á masa hereditaria" para repartilo cos seus irmáns.

A demandada recorreu entón a sentenza ditada polo xulgado de Primeira Instancia número 5 de Lugo, pero a Audiencia Provincial desestimou ese recurso.

Comentarios