Penas anuncia novas actuacións de mantemento no aparcadoiro do Hula

"Queremos facilitar que toda a veciñanza poida aparcar de xeito gratuíto preto do hospital", afirmou o concelleiro de Infraestruturas
Alexandre Penas e Rubén Arroxo durante unha visita ao aparcadoiro municipal do Hula. CEDIDA
photo_camera Alexandre Penas e Rubén Arroxo durante unha visita ao aparcadoiro municipal do Hula. CEDIDA

O concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, anunciou que o Goberno de Lugo está a realizar unha nova actuación de mantemento no aparcadoiro municipal do Hula, "unha actuación necesaria que planificamos para realizar en distintas épocas do ano para garantir o bo funcionamento desta instalación".

A concellería de Infraestruturas realiza distintas actuacións de mantemento do aparcadoiro municipal en distintas épocas do ano "sempre tendo en conta a previsión meteorolóxica para garantir a mellor calidade no traballo realizado", explicou Alexandre Penas, que engadiu "os mantementos céntranse na parte frontal do aparcadoiro, a que máis tráfico recibe cada día". O edil de Infraestruturas tamén lembrou que "o aparcadoiro ten unha extensión de 5.020 metros, un total de 360 prazas de estacionamento entre a parte frontal e a traseira".

O concelleiro explicou que "o espazo de aparcamento gratuíto habilitado polo Concello supón un aforro para as veciñas e veciños de máis de 600.000 euros anuais, calculando a cantidade de vehículos que esta infraestrutura pode acoller durante cada xornada".

Alexandre Penas: "O aparcadoiro municipal do Hula aforra ás veciñas e veciños máis de 600.000 euros anuais"

O aparcadoiro municipal do Hula acolle, cada día, 2.520 horas de estacionamento gratuíto, un total de 604.800 horas nos 240 días hábiles do ano, o que supón 604.800 euros de aforro, calculando a hora de estacionamento a 1 euro. Desde o Goberno de Lugo calcúlase o aforro tendo en conta unha ocupación media de 7 horas en cada unha das prazas de estacionamento.

O concelleiro de Infraestruturas destacou que "unha das primeiras actuacións que realizamos coa nosa chegada ao goberno foi a mellora desta infraestrutura, para facilitar que toda a veciñanza poida aparcar de xeito gratuíto preto do hospital". Alexandre Penas destacou, entre as actuacións necesarias, a diferenciación da zona de circulación e estacionamento, ademais da colocación de cartelería informativa e valados para ordenar o estacionamento, evitando que se formen atascos por vehículos mal estacionados.

Comentarios