Unha biografía narrada a través da pegada artística. Esa será a oferta da catedral de Lugo durante as festas para que lucenses e visitantes poidan descubrir a figura do patrón da cidade, un santo nacido ao pé da muralla, xunto á igrexa do Carmen, e que acabou como bispo de León aínda que en realidade se fixo famoso e popular polos seus milagres e pola creación de numerosos mosteiros nunha época na que ía avanzando a Reconquista e ía collendo auxe o Camiño a Santiago.
A figura dese santo lucense aparece en case calquera recuncho da catedral, aínda que ás veces pase desapercibido. De aí a idea de facer unhas visitas guiadas específicas, que se prolongarán do 4 ao 12 de outubro e incluirán percorridos pola basílica e polo museo catedralicio e a subida ás torres, desde onde se pode divisar ademais o lugar no que naceu o santo.
A catedral garda a memoria do santo en pezas que se reparten por case todos os espazos, incluídas as vidreiras, onde aparece sen o lobo que tantas veces lle acompaña e co seu nome en latín. Agora, con motivo da festa, tamén se pode contemplar unha bela talla do santo, do século XVII.
Marcos Cales, responsable do museo da catedral, destaca a pegada de San Froilán nas capelas da basílica. O patrón ten unha dedicada no templo cun retablo de gran beleza e no que se narran momentos craves da súa vida, pero tamén queda a súa memoria na capela do Pilar, que antes estivo dedicada ao patrón da cidade. As formas de representarlle son variadas e o lobo e as pombas non son tan frecuentes como se cre, di Rúas.
As pezas dedicadas a San Froilán fóronse sucedendo nos séculos e entre as máis espectaculares está un relicario con forma de man, pero hai outras pezas que espertan a curiosidade, como o "baúl" de San Froilán, cuxa historia é realmente un enigma.
Un percorrido pola catedral tampouco é completo sen unha visita ao sepulcro de Santa Froila, unha peza medieval de especial valor.
Simbolismo: talla no coro

Pode pasar desapercibido nunha visita convencional, pero o patrón de Lugo aparece no espectacular coro da catedral tallado por Moure, que reflectiu ao patrón de Lugo con símbolos como o lobo e as pombas.
Capela: escenas da súa vida

San Froilán ten unha capela propia na catedral. Alí atópase un retablo con escenas da súa vida: predicando co lobo, o milagre das pombas de Valdoria e a súa ordenación como bispo.
A froilana: a maior campá

A froilana é a maior campá da catedral. é do século XVIII, ten tamén gravada unha imaxe do patrón de Lugo, un santo nacido no 832 en Lugo e que morreu en León no ano 905.
Sen lobo: escultura do XVII

Na capela maior da catedral pódese ver estes días, durante a novena, unha talla do XVII, na que aparece como bispo, sen símbolos como o lobo. A peza está usualmente no museo.
Reliquias: unha morna do santo

A catedral garda dúas reliquias do santo. A máis destacada exponse nun relicario con forma de man e garda unha morna. Os restos chegaron do mosteiro de Moreruela, en Zamora, en 1614.