"Pedín redución de xornada para coidar o meu fillo e a empresa despediume", denuncia un lucense

A compañía quitoulle a redución de horas que pediu para poder exercer a custodia compartida do neno e a xuíza obrigou a devolverlla. Finalmente botárono e o xuíz declarou despedimento nulo, aínda que a sentenza aínda non é firme
Juzgados de Lugo. ARCHIVO
photo_camera O afectado presentou varias denuncias nos xulgados de Lugo. ARQUIVO

"Pedín unha redución de xornada para poder coidar ao meu fillo e a empresa non parou ata despedirme. Non queren que os empregados concilien, e menos se es home". Así de indignado conta o seu caso un pai lucense que leva meses denunciando o "acoso" ao que supostamente se viu sometido no seu posto de traballo desde que litigou coa empresa.

O home —vixiante de seguridade a soldo nunha das grandes empresas do sector— solicitou unha redución de xornada en 2015 para ter dispoñibilidade horaria e poder exercer a custodia compartida do seu fillo menor. A empresa concedeulla, pero en xullo de 2018 retiroulla. "Non me avisaron previamente, nin de palabra nin por escrito, simplemente colgaron o cuadrante do mes coa miña quenda completa e non me deron máis explicacións", dixo. O home acatou o novo horario, pero acudiu ao xulgado do Social número 1 de Lugo e denunciou o caso.

"A partir dese momento comezaron os problemas coa empresa e a miña vida converteuse nun auténtico calvario. Non me entregaban as nóminas, non me pagaban as horas extra, impúñanme as vacacións... Tiven que denunciar por todo; no xulgado, na Inspección de Traballo e incluso na Policía Nacional, xa que nin tan sequera me querían entregar a miña cartilla profesional. Foi un acoso permanente", asegura.

"A moitas empresas aínda lles molesta a conciliación, e moito máis se es home. A min fixéronme a vida imposible", di o afectado

Finalmente, o pasado mes de xuño, a xuíza concluíu que a empresa Prosegur modificou o horario e a xornada diaria do traballador "sen xustificación nin notificación algunha", polo que obrigou á firma "a repoñerlle nas anteriores condicións de traballo que rexían antes de producirse dita modificación". Ademais, condenou a compañía a indemnizar o home na cantidade de 3.500 euros por danos morais, "dada a gravidade da conduta do empresario, que incide directamente no exercicio dun dereito fundamental do actor, como é o coidado do seu fillo menor, en función do cal tiña recoñecida a redución de xornada".

Tras recibir a sentenza, o traballador manifestou a súa intención de recorrela, xa que solicitaba 30.000 euros por danos morais, pero a empresa púxose en contacto con el para chegar a un pacto. Finalmente, o 5 de xullo, as partes asinaron un acordo e fixaron unha indemnización de 4.100 euros. Ademais, recolleron por escrito a xornada laboral do home, "cunha redución de xornada do 15% por garda legal de fillo menor de 12 anos, en quenda fixa de mañá e cunha secuencia de cinco mañás e catro días libres, e así sucesivamente".

O home incorporouse ao seu posto de traballo co horario reducido, pensando que gañara a batalla, pero 14 días despois, a empresa botouno á rúa. Na carta de despedimento, argumentou que decidira prescindir dos servizos do traballador "por causas obxectivas de natureza produtiva e organizativa". A compañía recolleu ademais na comunicación que "o feito de que teña recoñecida unha redución de xornada por garda legal é unha circunstancia que non lle outorga preferencia de clase algunha".

"Alegaron despedimento por causas obxectivas e o xuíz acábao de declarar nulo, pero imaxino que a empresa recorrerá o fallo", sinala

O traballador, con todo, segue pleiteando porque cre que o despedimento é unha represalia por querer conciliar. "Botáronme porque non querían acatar a sentenza. Só me despediron a min, cando hai traballo e os meus compañeiros teñen que facer horas extra. Ao principio, á empresa convíñalle a miña redución de xornada, porque nese momento organizaban ben as demais quendas, pero cando deixou de interesarlles quitáronma e comezaron a facerme a vida imposible. É incrible que unha empresa grande, que presume de ter un plan de igualdade, faga estas cousas", di.

O home acudiu de novo aos tribunais e denunciou a empresa. "Solicitei que o considerasen despedimento nulo por vulneración de dereitos. Intentaron por todos os medios que me cansase e que deixase de litigar, pero nunca pensei en renderme porque o que estaba en xogo era o interese do meu fillo. A miña redución de xornada estaba vinculada á custodia compartida do neno. Tiven sorte porque a miña exmuller entendeuno e fómonos adaptando segundo a nosa dispoñibilidade, pero noutra situación, xa perdería a custodia", afirma.

O denunciante asegura que os litixios coa empresa afectaron incluso á súa saúde. De feito, o informe do servizo de psiquiatría do Hula recolle que o home padece "un trastorno depresivo ansioso relacionado cun conflito laboral, que afecta á súa esfera emocional e persoal".

O pasado venres, día 5, este lucense recibiu a resolución xudicial que declara "nulo" o seu despedimento. "Téñenme que readmitir, pero a sentenza aínda non é firme e imaxino que a empresa a recorrerá. E eu tamén vou estudar a posibilidade de denuncialos por vía Penal. Estas cousas hai que denuncialas, no xulgado e publicamente", conclúe o home, que non ve aínda o fin da batalla.