O paso por Leche Río dálle a unha lucense o 'título' de mellor alumna

O Consello Social da USC premia a Vanesa López como estudante mellor valorada
2020102913402693327
photo_camera Vanesa López Veiga sorrí tras recibir a noticia do premio. EP

Vanesa López Veiga logrou a recompensa ao seu brillante paso polo período de posgrao coa consecución do premio á estudante mellor valorada nas prácticas externas extracurriculares xestionados polo Consello Social da Universidade de Santiago.

Esta alumna do Máster en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentaria da USC recibiu o galardón dotado con 1.500 euros, unha distinción que se outorgará dúas veces ao ano, e que coincide coas dúas convocatorias de prácticas extracurriculares do Consello Social en febreiro e setembro.

Este sistema promove a realización de prácticas externas en empresas, e fai partícipe o alumnado da necesaria adaptación aos valores e a cultura das entidades onde van realizar tarefas que complementarán a súa formación académica, de cara ao futuro desenvolvemento da súa carreira profesional.

"Este recoñecemento foi moi importante para min, xa que, á parte do importe económico, que me virá moi ben para ampliar a miña formación, é un premio que pon de manifesto o tempo investido, o traballo e esforzo que puxen niso", admite a galardoada.

"Este premio é importante para min, porque á parte dos 1.500 euros, pon de manifesto o esforzo e o traballo que puxen niso", sinala

LECHE RÍO. Vanesa López finalizou os seus estudos de Veterinaria no campus de Lugo antes de decantarse por realizar as súas prácticas de máster no sector lácteo. "Decidinme por solicitar as prácticas en Leche Río, a pesar de que non había ningún convenio con esta empresa", comenta. Aínda así redactouse un convenio entre a USC e esta firma lucense cun total de "270 horas desde o 5 de xullo ata o 18 de setembro na planta de Ceao 1", relata López Veiga, quen finalizou a carreira de Veterinaria no ano 2017.

"Traballaba durante 5 horas diarias xunto aos técnicos e a responsable de calidade de Leche Río", conta sobre a súa experiencia a premiada, que na actualidade atópase na segunda etapa de prácticas, "aínda que esta vez cambiei o meu lugar de traballo pola planta de Ceao 2", manifesta a estudante de 25 anos, que manterá as súas prácticas no polígono ata o 10 de decembro.

En opinión de Vanesa Veiga, "estas prácticas, acompañadas dunha carta de recomendación ou verificación da empresa, deberían ser consideradas como experiencia laboral de cara á demanda de emprego, pero, lamentablemente, creo que se atopan infravaloradas", recoñece esta estudante lucense, que xa busca, co premio debaixo do brazo, un horizonte profesional máis aló das prácticas do máster. Quizais branco e en botella.