A pasarela do Ángel Carro custará 124.000 euros máis

O Concello volve licitar a obra tras a renuncia da adxudicataria
Proyecto de la pasarela del Ángel Carro. AEP
photo_camera Proxecto da pasarela do Ángel Carro. AEP

A pasarela peonil que proxectou o Concello para salvar a estrada N-VI fronte ao estadio Ángel eleva o seu custo nuns 124.000 euros na nova licitación aprobada este mércores na xunta de goberno local, unha medida que se adopta despois de que a empresa adxudicataria dos traballos renunciase ao contrato por mor da subida do prezo dalgúns materiais como o aceiro.

O portavoz socialista, Miguel Fernández, explicou en rolda de prensa que o custo total da licitación desta obra enmarcada no programa Edusi elévase ata 1.113.179 euros, dos que o 80% serán financiados pola Unión Europea. Con todo, o edil matizou que se manterá inalterable o proxecto da pasarela, que xa sufriu varios atrasos como consecuencia dos informes que outras administracións debían de emitir para autorizala.

De feito, a obra fora adxudicada o pasado febreiro, antes incluso de que a obra contase con todos os permisos e, no tempo que pasou ata que o Concello os recibiu, houbo un incremento no prezo dos materiais que a empresa Taboada y Ramos alegou como motivo para renunciar a un contrato que se comprometeu a executar en 862.348 euros.

O informe que máis se demorou, segundo explicou o goberno local, foi o da Dirección Xeral de Patrimonio, que foi o último en recibirse e que foi solicitado en decembro de 2018. Con todo, a resolución favorable asinouse o 10 de maio, pero non foi comunicada ao Concello ata agosto.

A localización da pasarela, que se decidiu construír xunto ao paso subterráneo de vehículos que conduce ao estadio, tamén xerou no seu momento críticas da oposición —incluído o actual socio de goberno—, porque consideraba que vai ser pouco usada polos cidadáns. Tamén o deseño inicial, con columnas dóricas, xerou debate e o anterior goberno optou por facer cambios para minimizar o impacto visual e mellorar a accesibilidade.

Comentarios