O parque Marcos Cela volverá conectarse coa Volta da Viña

Lara Méndez supervisou os traballos
Fernández e Méndez, na Volta da Viña. EP
photo_camera Fernández e Méndez, na Volta da Viña. EP

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de medio ambiente, Miguel Fernández, visitaron este xoves o inicio dos traballos de acondicionamento do enlace do parque Marcos Cela coa Volta da Viña.

O acceso leva anos pechado, debido á caída de terra e de pedras sobre as escaleiras que conectan ambos espazos. O risco que supoñía levou ao Concello a pechar o paso cun valado metálico. Porén, agora proponse recuperar este camiño. De momento xa se colocou unha varanda de madeira.

"A nosa vontade é a de seguir incrementando a accesibilidade da capital e ir habilitando e rexenerando espazos para permitir que a veciñanza poida desprazarse con comodidade por todos eles, buscando unha mobilidade sostible pero tamén racional e sobre todo segura", sinalou a alcaldesa.

Méndez lembrou que, precisamente, este enclave, coincidente co trazado do carril bici, contará cun novo paso de peóns intelixente. Será o segundo da cidade, tras o instalado hai meses na Ronda do Carme".

Comentarios