¿Paracaidista con seguro?

As bases socialistas volveron propor a Ricardo Varela para o Senado, pero o PSdeG e Ferraz apostan polo mariñán César Mogo, membro do equipo presidencial de Sánchez

César Mogo. EP
photo_camera César Mogo. EP

¿É César Mogo un paracaidista ou a persoa que o PSOE de Lugo necesita para ter influencia en Madrid? Depende a quen se pregunte. O seu nome saltou á palestra hai apenas unha semana, cando desde o PSdeG filtrouse que era a súa aposta e a de Ferraz como candidato para o Senado, fronte á proposta realizada polas bases do partido na provincia, que se inclinaron porque repita o veterano Ricardo Varela. Esta opción contaría co apoio da dirección provincial do partido, despois de que, nos últimos meses, as asperezas de Varela co secretario provincial, Álvaro Santos, se foran limando.

Mogo é natural do Valadouro e milita na agrupación socialista desta localidade, onde ten casa e visita varias veces ao ano, pero o seu nome non di nada a moitos lucenses, incluídos algúns socialistas, e hai quen alude ao seu posto de "funcionario" de Ferraz para restar valor á súa candidatura. Efectivamente, leva tres décadas traballando para o PSOE en Madrid, onde chegou para estudar Ciencias Políticas na Complutense, pero tamén desenvolveu funcións en executivos socialistas e coa chegada de Pedro Sánchez ao Goberno foi nomeado director de Asuntos Institucionais. Antes formou parte do seu equipo asesor.

Mogo participou nos comités de campaña de Felipe González en 1993 e de José Luis Rodríguez Zapatero en 2004. Durante o goberno deste foi xefe de gabinete do ministro de Presidencia, Ramón Jáuregui, e despois ocupou a Secretaría de Estado de Inmigración e Administración Pública. Entre as funcións desenvolvidas na súa longa carreira no PSOE figuran tamén a de asesor do grupo socialista no Senado, onde agora hai quen non descarta que incluso puidese chegar a ocupar a portavocía do partido nesta Cámara.

MIGRACIÓN. Mogo é un bo coñecedor de política exterior, especialmente de asuntos migratorios. Participou nas negociacións sobre inmigración con Marrocos e traballou no convenio da Seguridade Social para Iberoamérica, por exemplo. Quen traballaron con el defíneno como unha persoa formada e prudente. Din, ademais, que é bo negociador e que mide ben os tempos políticos. Como asesor do PSOE e do Executivo, a súa firma estaba detrás de moitas intervencións parlamentarias.

Poderíase dicir que, en parte, Mogo comparte algunhas características con quen agora é o seu rival. Se o mariñán leva tres décadas de traballo orgánico a nivel federal, Varela coñece moi ben a fontanería socialista na provincia, da que foi responsable. Quedou demostrado de novo nesta ocasión, en que conseguiu ser o candidato ao Senado máis votado pola militancia, pese ao desgaste que podería ter despois de anos en primeira liña política. Varela foi secretario provincial, secretario de organización do PSdeG, conselleiro de Traballo e, desde 2011, senador.

Sobre a dobre candidatura no partido, hai distintas visións. Hai quen cre que Varela cumpriu e é hora de dar a oportunidade a outros compañeiros e hai quen ve en Mogo un paracaidista e un serio risco de que, se o seu nome é imposto, a militancia se senta ninguneada e non se implique na campaña como cabería esperar cando se aspira a obter o segundo deputado.

Non sería a primeira vez que no PSOE se dá unha situación así. Sucedeu en 1993 co xuíz Ventura Pérez Mariño, que encabezou como independente a lista lucense do PSOE ao Congreso. Acabaría renunciando tres anos despois, tras pedir a dimisión do presidente.