Munición de Parabellum na Policía Local

O Concello destinará 1.341 euros á compra da popular munición de 9 milímetros. Non hai constancia de uso da arma na rúa, pero os axentes están obrigados a practicar tiro
Galería de tiro de la Policía Local
photo_camera Galería de tiro de la Policía Local

O Concello de Lugo acaba de contratar a compra de munición para a Policía Local por 1.341 euros. Serán balas de 9 milímetros parabellum semiblindadas, achegaraas a Armería Lina Sport e o seu destino principal son as prácticas na galería de tiro ás que todos os axentes están obrigados. Esta munición é a máis empregada polos corpos de seguridade no mundo, aínda que en España foi Eta quen a fixo desgraciadamente coñecida e así quedou na memoria de moitos cidadáns.

Na historia máis recente da Policía Local lucense non hai constancia de que os axentes tivesen que facer uso da arma durante o servizo, segundo explica o seu portavoz, pero todos os policías deben facer catro prácticas de tiro ao ano. Cada unha consta de varios exercicios de disparo a distintas siluetas, desde algunha denominada protexida (unha muller cun bebé en brazos, por exemplo) a outras nas que o obxectivo simula disparar. En cada práctica empréganse unhas 25 balas polo que cada axente gasta unhas cen ao ano.

A Policía Local está formada actualmente por 123 axentes (31 son mandos) polo que se necesitan máis de 12.000 balas ao ano.

Aínda que nas últimas décadas non existen precedentes do uso da arma durante o servizo, os policías deben estar preparados para empregala en caso de necesidade. Non chegan a disparar, pero non é infrecuente que os axentes saquen a arma se acceden de noite a un inmoble ás escuras no que hai okupas, se se produce unha liorta nun sitio apartado ou un atraco no que o delincuente bota a correr por un escampado, explica un policía.

Desde que a Policía Local se trasladou á súa nova sede de Sanfiz dispón dunha sala de tiro para practicar -antes facíano nunha privada de Catasol-, pero con limitacións porque a empresa que a montou non a completou e algúns dispositivos teñen deficiencias. Por esa razón, o Concello contratou recentemente a instalación dos equipos que faltan e a formación para o seu emprego. O traballo será realizado pola empresa Tradesegur, por 32.670 euros.

Nas condicións actuais, os axentes disparan a unha diana desde distintas distancias e tamén a siluetas. O sistema que se implantará inclúe un programa informático que simulará situacións reais.

DOTACIÓN. O Concello tamén adquiriu recentemente 55 placas balísticas para chalecos antibala e 119 fundas individuais para a súa utilización, por un importe de 33.000 euros. A carencia deste material de protección era unha vella queixa dos sindicatos. A dotación de medios chega nun momento no que a Policía está no centro do debate pola subida salarial que se anunciou, aínda que non se aprobou. No caso dos axentes que fan rúa, sería de 450 euros brutos ao mes.