Os pais do bebé maltratado en Lugo volven á súa casa entre apupos e recriminacións

A Policía Nacional interveu o mércores para acougar a varias persoas que os increpaban e a parella non puido acceder ao piso porque seguían limpando. Cortáraselles a auga e a luz
_PON9347
photo_camera O persoal de limpeza seguiu saneando a fondo o piso. XESÚS PONTE / M. F.

Os pais do bebé de dous meses que ingresou o pasado venres no Hula tras sufrir malos tratos regresaron o mércores ao inmoble, o número 23 da Rúa Irmáns Carro, onde foron recibidos entre apupos e reproches.

A tensión que se viviu na zona cando fixo acto de presenza a parella -que foi detida o luns e quedou en liberdade ao día seguinte- fixo necesaria a intervención de varias patrullas da Policía Nacional, que se desprazaron ata o lugar e lograron acougar os ánimos de quen increpaban aos pais do pequeno.

Ao parecer, algunhas das persoas que formaban parte deste grupo son achegados da muller que asegura ser a madriña do neno e que, segundo puido confirmar este diario, non é un membro da familia e podería ser unha amiga da nai.

PRECINTO. A parella regresou ao inmoble coa intención de acceder á súa vivenda, pero atopouse coa porta precintada porque os servizos de limpeza aínda non finalizaran o seu traballo. E é que a tarefa non foi fácil, xa que a parella convivía con tonelada e media de lixo e non había nin esquina da casa na que non se acumulase porcallada. De feito, a limpeza do piso iniciouse tras unha orde da xuíza que instrúe o caso, ao entender que as condicións hixiénicas da vivenda supuñan un risco extremo e eran un foco de infección para os demais veciños.

Ante esta circunstancia, os pais do bebé solicitaron axuda ás administracións, xa que, segundo dixeron, non tiñan ningún lugar no que pasar a noite. A Policía Local fíxose entón cargo da situación e tramitoulles a documentación necesaria para que puidesen durmir no Fogar do Transeúnte.

O xoves pola mañá, ambos acudiron á comisaría da Policía Nacional para mostrar as súas queixas porque aínda non podían acceder ao piso, onde continuaban os traballos de limpeza. Os axentes remitíronos ao xulgado, que foi de onde partiu a orde de intervir no piso.

A vivenda quedou limpa e desinfectada o xoves, cun cartel de advertencia na porta de que non se podería acceder a ela ata a madrugada. Descoñécese onde pasou a noite a parella esta última noite. O feito de que a anterior tivesen que pasala no Fogar do Transeúnte fai pensar que estes pais non terían ningunha rede de apoio, o que contribuiría a que se producise o que todo parece indicar que era unha situación de desamparo do bebé.

HABITABILIDADE. A situación na que vivían os pais co pequeno, de tan só dous meses, era extrema. Segundo puido confirmar este diario -e tal e como xa adiantaban algúns veciños o pasado martes- a familia vivía sen auga nin luz, polo que a miúdo baixaban ao portal a cargar os móbiles. A limpeza da vivenda tamén se viu dificultada pola falta de subministración e houbo que cargar bidóns de auga ata o piso, do que o xoves seguía saíndo un cheiro fétido a pesar da intensa limpeza e desinfección.

O Concello non puido precisar o xoves en que data deixou sen auga á vivenda, un paso que adoita dar tras varios avisos por falta de pagamento. Cada día prodúcense cortes e non é habitual que se comprobe se habitan persoas vulnerables no domicilio afectado.

O Concello si asegurou que nin a Policía Local nin a Policía Nacional realizaron intervención algunha nesta vivenda nin este ano nin o pasado, a pesar de que, segundo o testemuño dalgunha persoa próxima á parella, os axentes acudirían nalgunha ocasión á vivenda, do mesmo xeito que os servizos sociais.

Con todo, o Concello reiterou o xoves que a familia non era usuaria dos servizos sociais e xa que logo non tiña expediente aberto. Terao a partir de agora, porque o xulgado que investiga a estes pais por un presunto delito de malos tratos ao seu fillo fixo o mércores un requirimento á administración local para que a partir de agora faga seguimento do estado da vivenda, co obxectivo de que non se repita a situación e se produza de novo risco para a saúde dos veciños.

O Concello mantén informado o xulgado do traballo realizado no domicilio da Rúa Irmáns Carro e está previsto que este venres complete o informe e llo remita.

A actuación na vivenda foi coordinada desde a área de medio ambiente, da que se ocupa o socialista Álvaro Santos, aínda que ao ser unha intervención solicitada polo risco para a saúde dos veciños correspondería á concellaría de servizos xerais, á fronte da cal está o BNG.

O Concello tivo que botar man dunha empresa de limpeza, de operarios e de camións de Urbaser e doutra firma especializada en traballos de desratización e desinfección. O persoal destes servizos traballou durante case dous días para deixar habitable o piso.