Pai e fillo afrontan cárcere por desvalixar os trasteiros dos seus veciños e un piso

Os artigos roubados foron taxados en 929 euros

O ministerio fiscal solicitou sendas penas de catro anos de prisión para dous homes, pai e fillo, acusados de roubar na vivenda dun veciño e desvalixar os trasteiros do inmoble.

Tal e como quedou recollido no escrito de acusación da Fiscalía, o 2 de agosto de 2017, os acusados acudiron a un domicilio da capital lucense e mentres J.J.C.P. ía co propietario dunha vivenda a unha chatarrería, o seu fillo entrou no domicilio forzando a fechadura da porta.

Unha vez dentro, o mozo, con iniciais M.B., subtraeu un televisor pequeno plano, cinco teléfonos móbiles, varios cargadores, un bote de tabaco de lear, 10 botellos de cervexa, 10 reloxos, unha navalla e un cartafol con documentación. Os artigos roubados foron taxados en 929 euros.

Posteriormente, os dous acusados -que vivían no primeiro piso do mesmo inmoble, pero se ían a trasladar de casa- forzaron as portas dos trasteiros e apoderáronse dunha neveira, así como de varias ferramentas, un quentador e dúas mesas de bronce, taxado todo en 680 euros.

O ministerio fiscal acusou aos dous homes dun delito de roubo en casa habitada e solicitou no seu escrito de acusación sendas penas de catro anos de cárcere. Os dous acusados foron xulgados este luns pola mañá no Penal número 2 de Lugo e negaron os feitos que se lles imputan. O xuízo celebrouse e quedou visto para sentenza.

Comentarios