Outra oportunidade

Chega o 2023 cunha axenda en branco e os lucenses recíbeno cargados de ideas e folgos para aproveitar cada amencer.
2023
photo_camera O ano novo chega cunha axenda por escribir.

Empeza un ano novo que trae unha axenda cun feixe de páxinas en branco, outra oportunidade. Xaneiro préstase para marcar algunha meta, para pensar en serio nese proxecto que ronda na cabeza desde hai tempo, para cambiar ese hábito que non gusta, para armarse de valor e loitar por ese soño que non debe esperar. 

É ben sabido que a maioría dos propósitos do comezo de ano non chegan a marzo, pero os que sobreviven sempre merecen a pena, aínda que só sexa para que a ilusión non desapareza coma os Reis Magos ata o ano que vén.

Os lucenses encaran este novo tempo cargados de folgos, dispostos a aproveitar cada amencer. As ideas para empregar os 300 e pico de días que quedan por diante son infinitas e se algo se aprendeu da pandemia foi a valorar as oportunidades e a non deixar nada para mañá.

Nove lucenses comparten as súas ansias. Desvelan o que esperan deste 2023, aquilo polo que loitarán, o que lles agarda nos vindeiros meses e o que lles gustaría conseguir.

Cada un ten a súa vida, todas diferentes, pero tamén converxentes. Paz, saúde, algo que comer... son clásicos que se repiten por necesidade nas listas de desexos para o ano novo. 

Pero este 2023 chega con aires de reinicio, coa sensación de que a pandemia se debilita fronte unha sociedade disposta a recuperar o timón do barco e o tempo perdido.

Neste contexto agroman iniciativas, retómanse proxectos adiados e tamén as ganas de vivir.

No 2023 destas nove persoas haberá libros, cine, investigación científica, creatividade, compromiso social, proxectos educativos e moita atención ás necesidades persoais, esas que sempre quedan nun segundo plano. 

A saúde pídena todos. Que non falte.

Marcos Méndez, xornalista: "Sen querer parecer unha miss, oxalá sexa un ano de paz"

Marcos Méndez

O xornalista Marcos Méndez teno claro: "Sen querer parecer unha miss, oxalá o 2023 sexa un ano de paz. Xa sei que non depende de nós, pero a ver se conseguíramos que se arranxaran tanto o conflito de Ucraína, que é o que máis directamente me toca, coma todos os que hai polo mundo", afirma.

Ben sabe que ese desexo é inalcanzable e para que o ano non sexa moi decepcionante ten outros de reserva. Gustaríalle "comezar coa longametraxe de ficción Os anxos, a ver se pasa de ser un guión a un proxecto en desenvolvemento".

E xa empezou a traballar nun propósito de ano novo que de momento vai por bo camiño. "Quero deixar de fumar e xa levo case un día", comenta a 2 de xaneiro.

Di que, a risco de caer nunha contradición, quere viaxar, pero tamén "sacar tempo para estar cos meus pais e con Jacobo, o meu afillado". E na súa lista de desexos non se esquece dos seus alumnos da EASD Pablo Picasso da Coruña: "Conseguir que todos aprendan o máximo posible e aproben".

Dani de la Torre, cineasta: "Este 2023 preséntase moi potente no ámbito laboral"

Dani de la Torre

O cineasta monfortino Dani de la Torre afronta o novo ano cheo de proxectos e ilusións. "Este 2023 preséntase moi potente", avanza. "En maio estreo a terceira tempada de La Unidad e nese mesmo mes empezo a rodar unha serie nova para Movistar+". Adianta que é "un thriller fantástico sobre Marbella", detalle suficiente para avivar a intriga

Pero aínda hai máis notas na súa axenda. Comenta que ten "unha película para finais de ano con A3Media Cine, unha idea miña, un traballo persoal que me fai moita ilusión". 

Con tanta previsión de actividade, ten claro que non vai folgar moito, pero tamén que este 2023 "vai ser un ano apaixonante" no que espera que "lle vaia ben a todo o mundo e que sexamos o máis felices posible".

Dani de la Torre está emocionado cos vindeiros meses, pero non esquece que non todo o mundo ten a mesma perspectiva vital nin laboral. "Se puidera pedir, quero que remate por fin a guerra en Ucraína e que se erradique dunha vez a violencia machista. Vai ser complicado, pero polo menos que pouco a pouco vaiamos dando pasos para que esta lacra deixe de formar parte das nosas vidas diarias", afirma.

Sara Lage, deseñadora: "Quero recuperar a calma e o camiño anterior á pandemia"

Sara Lage.

A deseñadora lucense Sara Lage está moi ilusionada con este novo ano que comeza porque, a nivel laboral, "é como empezar dende cero". Explica que a pandemia e os anos posteriores foron terribles para o seu sector. "O 95% do que facemos son traxes de noiva e quedou todo anulado", lembra. Pero se o ano de inicio da pandemia foi malo, peor foron os dous seguintes porque "o que estaba feito non valía. Os corpos de moitas noivas cambiaron, o que eran vodas de 400 convidados quedaron en cerimonias con 20 amigos, o que estaba programado para verán pasou para o inverno... foi un caos e perdimos moito do traballo que tiñamos avanzado".

Unha vez superada esa etapa, ten a sensación de que este ano é un novo comezo. "Vou buscar un punto de calma e equilibrio para traballar. Quero ter moito traballo, pero o xusto para poder dedicarlle o cariño que a min me gusta. Ese era o camiño que levaba o taller antes da pandemia e a miña intención é regresar a el", afirma.

Sara Lage sabe que "a creatividade funciona mellor cando estás máis tranquila" e esa sensación é a que procura. "Non me importa facer menos vestidos, pero quero que sexan máis especializados, diferentes, con máis experimentación". E está convencida de que o 2023 lle dará esa oportunidade.

Carmen Lence, empresaria: "Quiero retomar el contacto con amigos y volver a las aulas"

Carmen Lence.

Carmen Lence é unha muller organizada e fixo ben os deberes neste comezo de ano. Marcou unha serie de propósitos bastante accesibles e púxose mans á obra para cumprilos.

"Mi propósito para este 2023 a nivel personal es retomar el contacto con algunos de los amigos que he hecho por el mundo y que desde la pandemia ha sido difícil encontrarse", comenta. Quere aproveitar para facer algunha viaxe para ir a velos e tamén convidalos a vir a Lugo.

Outra das súas intencións é realizar un investimento en si mesma. "Invertir en seguir formándome volviendo a las aulas", porque nunca se sabe todo o que se quere.

Quere, ademais, revisar as súas rutinas diarias. "Intentaré levantarme una hora antes para hacer ejercicio, leer y preparar el día antes de ir a la oficina".

Héctor Castiñeira, enfermeiro e escritor: "Este ano sacarei un novo libro e buscarei tempo para min"

Héctor Castiñeira.

Sabe que soa moito a "típico propósito de prinpicipio de ano", pero di que vai en serio. Héctor Castiñeira quere buscar máis tempo para si mesmo a partir de agora. "Para este ano 2023 púxenme de propósito ter máis tempo para min. Tempo para facer algo de deporte, para ler máis, para escoitar máis música e ir máis ao cine. En definitiva, o que vén sendo coidarse por dentro e por fora. Logo, a ver se o consigo ou non", comenta.

Héctor Castiñeira ten moi boa intención e está decidido a esforzarse para acadar ese propósito, pero as súas inquedanzas non lle van poñer o camiño doado e xa ten novos proxectos á vista que seguro que lle darán que facer. 

"Este ano sacarei novo libro logo da pausa que me tomei en 2022, deixando atrás a pandemia e voltando ao humor", avanza, nun intento de recuperar a prosa lixeira que tan bos momentos lle ten dado aos seus seareiros. "Fainos boa falta rir algo máis e oxalá este 2023 faga que os lectores acollan ben este libro e desfruten con el", afirma.

Amadora Núñez, presidenta do Banco de Alimentos: "Non é tempo de proxectos, só aspiro a cubrir o básico"

Amadora Núñez.

Amadora Núñez é a presidenta do Banco de Alimentos de Lugo. Encara o novo ano "cun sorriso, porque se non pensas en positivo proxectas medos e a xente vénse a menos". Da súa xestión depende o benestar de moitas familias e non se atreve a pedir demasiado porque non ve claro o horizonte. "Non son momentos para iniciar proxectos. A xente que demanda alimentos segue aumentando cada día. Recibimos 20 familias novas cada semana, unhas 100 persoas novas solicitando axuda. Así que só aspiro a ir cubrindo o básico. Desde que empezou decembro nin son quen de levar a conta da xente que vén ao Banco de Alimentos, pero desde logo vai a máis constantemente", afirma.

É unha muller positiva e gustaríalle ter outra perspectiva, pero de momento prefire ser realista. "Se este ano vén de boa fe xa se verá se podemos iniciar algún proxecto, pero hai que ir vendo", comenta. En todo caso, desexa "saúde, sorte e moita forza para asumir o bo e o malo que nos vai vir".

Pola súa banda, está disposta a continuar durante este novo ano o traballo que xa vén desenvolvendo desde hai moitos nesta organización solidaria. "Mentres se poida, aquí estaremos para loitar e tirar da xente cun sorriso".

Pero lembra que "o Banco de Alimentos non somos nós. É necesario que quen poida arrime o hombro. O Banco de Alimentos son as persoas que necesitan axuda e as que poden aportala", así que fai un chamamento á solidaridade porque só dese xeito é viable o proxecto.

Ana Belén Traseira, directora da Uned en Lugo: "Oxalá poida sacar tempo para estudar o nivel C2 de inglés"

Ana Belén Traseira

A directora da Uned en Lugo é desas persoas que necesitan unha axenda con moito espazo en branco. Sóbranlle as ideas, ten proxectos para dar e tomar, bos propósitos e vontade para facelos realidade.

"Este 2023 espero que sexa o ano no que se desenvolvan proxectos e ideas que nos acheguen a unha maior concienciación e consciencia da necesidade do coidado do noso planeta e da importancia de vivir dun xeito máis sostible", afirma.

Pero non todo son propósitos sociais. "No persoal, gustaríame poder desfrutar de tempo en familia dun xeito máis sosegado, sen présas, amodiño... Tamén tentarei valorar máis o sinxelo, o pequeno, o cotián, e cultivar a empatía, pois coido que é unha cualidade moi necesaria nos tempos que vivimos. Seguir adicándome tempo a min mesma: ao deporte, á lectura, á amizade".

Ana Belén Traseira non perde de vista a súa debilidade, a formación. "No académico, oxalá poida sacar tempo para estudar o nivel C2 de inglés, do que estou matriculada na Uned Idiomas e do que me examinarei na convocatoria de xuño. Confeso que, de momento, moito non estudei, así que no 2023 haberá que poñerse en serio".

A directora da Uned en Lugo tamén ten proxectos para a entidade. "Tentarei consolidar #UnedLife, un proxecto que nace ao abeiro de #LugoNaturalMente, para promover o deporte como medio para acadar unha vida saudable entre a sociedade lucense". Dentro desta iniciativa enmárcase a conferencia Cuida tu corazón, que terá lugar o vindeiro martes a cargo do xefe de Cardioloxía do Hula, Carlos González Juanatey

Ana Belén Traseira pretende tamén "seguir impulsando a vocación social da universidade que dirixo". Lembra que un estudo recente indica que "a Uned de Lugo ten un retorno social de seis euros por cada euro que se inviste nela. O meu propósito é traballar para que este retorno social medre e repercuta na calidade de vida da cidadanía lucense".

Sonia Villapol, científica: "Máis atención médica, máis ciencia e menos política mediocre e inútil"

Sonia Villapol

Sonia Villapol viviu a pandemia desde as trincheiras e espera que este ano permita avanzar no seu control, aprender do vivido e despertar a conciencia crítica.

"No 2022 puidemos entender a pandemia aínda que non controlala. Temos vacinas e tratamentos, pero o virus segue a transmitirse. Aprendemos dos erros e o coñecemento científico trouxo saúde e esperanza para seguir adiante". Porén, advirte que "o covid deixou unha sociedade feble. As infeccións arrastraron moitos problemas cardiovasculares ou neurolóxicos e a falta de diagnóstico e tratamento a tempo para outras enfermidades pode agravar a situación".

Gustaríalle que no 2023 "a xente en Galicia reclamase máis recursos que protexan a saúde e a calidade de vida, que fose menos conformista e transixente, que esixira unha mellor atención médica, máis ciencia e menos política mediocre e inútil. Gustaríame que a xente reclamase mellores salarios e non se conformase con axudiñas tapafurados". Desexa que "no 2023 a xente valore o que realmente achega beneficios á sociedade e que, por primeira vez, a ciencia estea arriba da listaxe de prioridades". 

A nivel persoal, pide saúde e, no ámbito profesional agarda conseguir fondos para "continuar coas liñas de investigación centradas no alzheimer ou no covid. Tamén queremos descifrar os procesos que regulen a inflamación cerebral en enfermidades coma os danos cerebrais para dar con mellores tratamentos". 

Pero a Sonia Villapol non lle chegan os doce meses do ano e aínda ten máis metas. "Outra das miñas ilusións sería que este ano se publicase un libro en galego que escribín sobre a ciencia que nos rescatou da pandemia, e tamén a lanzar un programa de mentorado que axude e oriente a mozos con inquietudes científicas".

David Calvo, vulcanólogo: "Deseo que la gente que sigue evacuada en La Palma vuelva a su casa"

David Calvo

David Calvo comezou o ano en Lugo, pero axiña volverá a algún lugar onde haxa lava. É vulcanólogo, de profesión e por paixón, e non dubida en subir a un avión con calquera destino se unha montaña do mundo monta un espectáculo.

É voceiro do Instituto Volcanológico de Canarias e viviu en primeira liña a erupción do volcán Cumbre Vieja da Palma. Ten contado que daquela tivo sensacións contraditorias. A nivel profesional era un momento incrible, pero terrorífico no aspecto persoal porque viu o drama da poboación que perdeu as súas casas, o seu medio de subsistencia, a súa vida.

Para eles vai o seu primeiro pensamento en 2023. "Lo que espero y deseo para este año es que la gente de La Palma que está evacuada pueda volver a sus hogares". Lembra que aínda "hay más de mil personas evacuadas y lo mejor que podría pasar en el 2023 es que esta gente pudiese regresar a sus casas y sus negocios y volver a tener una vida normal, que hace ya más de un año que no la tienen".

Tras esta prioridade, David Calvo repasa "los deseos básicos de todos: que se acaben todos los males que hay por ahí, las crisis económicas, las guerras".

Pero incide especialmente en "el que más me toca, de forma muy directa. Ojalá que al final del año 2023, cuando hagamos balance, toda la gente que está evacuada haya regresado a sus hogares. Son deseos discretitos, modestos, pero estoy esperanzado con el tema de La Palma".

Encántanlle os volcáns e ten percorrido o mundo para velos en erupción, pero non quere desfrutalos a calquera prezo. "Aunque sea mi trabajo, deseo no tener que volver a un evento como el de La Palma. Que los volcanes canarios sigan tranquilos y que a nivel global las erupciones que se puedan producir no pasen de ser un espectáculo visual, que no afecten a nadie, que no tengamos que lamentar víctimas, que al final es la parte más dura de todo esto".