jueves. 02.04.2020 |
El tiempo
jueves. 02.04.2020
El tiempo

Os misterios do muro

Escavación do cubo XXXI da muralla.
Escavación do cubo XXXI da muralla.
O arqueólogo Celso Rodríguez Cao investiga en diversos arquivos históricos por que desapareceu a escaleira do cubo XXXI da muralla

Escavar non sempre resolve os misterios da historia. O arqueólogo Celso Rodríguez Cao mergulla estes días polos arquivos históricos en busca de pistas sobre o cubo XXXI da muralla porque os traballos que se están facendo para a súa restauración permitiron constatar que non hai nin rastro da escaleira que nas súas orixes debeu ter.

"O cubo debeu caer e destruíuse toda a escaleira. Non hai pegadas dela", conta Rodríguez Cao, que está a esperar documentación dun arquivo privado de Valencia para intentar desentrañar que ocorreu nesa estrutura, próxima á rampla de acceso ao monumento desde a Praza de Pío XII.

Sábese que esa zona da muralla sufriu especialmente durante as guerras carlistas, pero pouco máis. A escavación que dirixe Rodríguez Cao e que financia a Xunta comezou a mediados de xaneiro e o que si se viu é que non hai escaleira e que todo o material de recheo é distinto ao habitual no resto de cubos. "Hai moito canto de río, bastante grande ademais", concreta o arqueólogo, con respecto a esa zona en cuestión.

Para intentar esclarecer como cayo o cubo, como se reconstruíu e porque hai presenza de materiais non usados habitualmente, o arqueólogo busca máis aló dos arquivos de Lugo. Mergullou no Arquivo Xeral da Administración, situado en Alcalá de Henares e espera tamén documentación do arquitecto Pons Sorolla, que estivo á fronte dos programas de patrimonio cultural e impulsou, xunto a Menéndez Pidal, obras de restauración da muralla de Lugo.

As obras no cubo proxectáronse, en primeiro lugar, para conseguir a consolidación da súa estrutura e co obxectivo de evitar filtracións de humidade. Os traballos teñen un orzamento que ascende a 142.000 euros.

Os misterios do muro
Comentarios