Os gandeiros, en pé de guerra contra Río por deixar de recollerlles leite

Os sindicatos concéntranse ante a planta do Ceao para denunciar as "prácticas abusivas" das empresas do sector

Os sindicatos prolongaron este sábado as protestas iniciadas o venres tras a decisión de Leite Río de deixar de recollerlles leite a unha vintena de gandeiros das zonas de Terra Cha e Teixeiro, alegando o baixo nivel de graxa da súa produción. Representantes de sindicatos como Fruga concentráronse ante a planta de Leite Río no polígono do Ceao.

As centrais sindicais insisten en que a decisión de non recoller leite foi tomada dun día para outro, aínda que a empresa asegura que leva "máis dun ano" alertando sobre os baixos índices de materia graxa.

Os sindicatos afirman que esta acción é un exemplo das "prácticas abusivas" que as empresas puxeron en marcha desde que se acaba o sistema de cotas.