Os centros de FP teñen libres máis dun centenar de prazas en 18 ciclos

Aínda hai vacantes en ensinos medios e superiores e a matrícula acaba o venres. En modalidade a distancia hai prazas nas Mercedes

O último prazo para matricularse nun ciclo de FP expira este venres, ás 13.00 horas. Para esta rolda final, os centros da capital liberaron máis de 130 prazas na modalidade de matrícula ordinaria, isto é, facendo os cursos completos de modo presencial. As prazas están distribuídas en oito ciclos medios e outros tantos superiores.

O que ten máis vacantes é o Centro Integrado de FP Politécnico, que ofrece 16 postos libres no ciclo medio de Mecanizado; catro en Instalacións Eléctricas e Automáticas; cinco en Instalacións de Telecomunicacións e 16 en Carpintería e Moble. Os dous primeiros contaban con 23 prazas de saída e os outros dous, con 22.

En canto a ciclos superiores, o Politécnico dispón de prazas liberadas en Proxectos de Edificación, onde hai cinco dispoñibles; Sistemas Electrotécnicos e Automatizados, con 10; Automatización e Robótica Industrial, con seis; e Mantemento Eléctrico, con oito. Salvo o primeiro, que contaba con 15 vacantes de partida, o resto estaba dotado de 22 postos.

No centro integrado As Mercedes, hai 10 prazas libres no ciclo medio de Instalación Frigoríficas e de Climatización, onde se ofertaron 24 en total; e catro no de Actividades Comerciais, que partía con 30.

Neste último prazo, as vacantes cóbrense por orde de chegada no mesmo centro onde se ofertan

En canto a ciclos superiores, nas Mercedes ofértanse dous en Eficiencia Enerxética e Enerxía Solar Térmica, tres en Mantemento e Instalacións Térmicas e de Fluídos e 12 en Xestión de Vendas e Espazos Comerciais. Estes ciclos partiron cunha oferta de 22, 24 e 30 prazas respectivamente.

Pola súa banda, o IES Lucus Augusti ten seis vacantes no ciclo medio de Operacións de Laboratorio, dotado con 25 de partida; e o IES Muralla Romana conta con catro en Peiteado e Cosmética Capilar e outras tantas en Estética e Beleza, dotados con 24 e 23 prazas. Neste último centro tamén hai 17 postos dispoñibles en Asistencia á Dirección, que ten 30 en total.

O IES Sanxillao dispón de 10 prazas liberadas no ciclo medio de Servizos en Restauración, que conta con 31 postos en total.

ADULTOS. No réxime de adultos, no que é posible personalizar o itinerario formativo e matricularse nun ou varios módulos, tamén hai prazas sen cubrir na modalidade presencial. No Politécnico, quedan vacantes en seis módulos do ciclo medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas. Nas Mercedes, tamén hai prazas nos tres módulos do ciclo medio de Electromecánica de Vehículos Automóbiles e noutros tres de Instalacións de Produción de Calor. En canto a ciclos superiores, no Politécnico quedan prazas en cinco módulos de Educación Infantil.

No caso da modalidade a distancia para alumnos, só hai prazas vacantes en sete módulos do ciclo medio Desenvolvemento de Proxectos de Instalacións Térmicas, que se imparte no centro integrado de FP As Mercedes.

Os interesados teñen que formalizar a inscrición no centro educativo que oferta as vacantes, que se cobren por orde de chegada.


Comentarios