O orzamento local para 2020 destina a peonalizar A Mosqueira 800.000 euros

A xunta de goberno aproba unhas contas que ascenden a 100 millóns e que crecen un 5%, aínda que se reduce o investimento
Lara Méndez y Rubén Arroxo, en la presentación de los presupuestos. EP
photo_camera Lara Méndez e Rubén Arroxo, na presentación dos orzamentos. EP

Os primeiros orzamentos do bipartito PSOE-BNG que foron aprobados este mércores pola xunta de goberno superarán os 100 millóns de euros tras unha década por baixo desa cifra e suporán un incremento do 5% con respecto ás últimas contas aprobadas, as de 2018, que o anterior goberno tivo que sacar adiante tras vinculalas a unha cuestión de confianza á alcaldesa.

Grandes investimentosO investimento redúcese con todo ata os 10,5 millóns con respecto ao anterior orzamento e entre as partidas destacadas figuran os 800.000 euros previstos para acometer a peonalización da Mosqueira, así como os 3,5 millóns para os proxectos do Edusi para unir o centro co río Miño e 1,1 millóns para continuar a renovación das canalizacións de fibrocemento da rede de augas, que están a provocar avarías e molestias aos veciños.

A alcaldesa, Lara Méndez, e o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, detallaron en rolda de prensa os grandes números dunhas contas que se prevé que sexan aprobadas no pleno do 28 de novembro, dado que os votos de PSOE e BNG son suficientes para sacalos adiante sen o apoio da oposición. De feito, a rexedora felicitouse de que estas contas sexan "froito da estabilidade que propicia un goberno en maioría", á vez que recordaba que "o bloqueo aos presupostos anteriores impediu que a cidade avanzase ao ritmo que merece a súa veciñanza".

Ademais, incidiu en que este orzamento poderá ser executado a partir do 1 xaneiro e recordou que os outros dous que aprobou o goberno socialista durante o anterior mandato —2016 e 2018— apenas tiveron oito e sete meses para ser desenvolvidos.

Os proxectos do Edusi, con 3,5 millóns, son os máis cuantiosos xunto coa partida de 1,1 millóns para renovar tubaxes de auga

INVESTIMENTOS. Lara Méndez tratou ademais de xustificar a redución dos investimentos explicando que en outubro se aprobou unha modificación de crédito de 10 millóns procedentes do remanente, o que unido aos 10,5 previstos nestas contas suporán que en 2020 poranse en marcha proxectos por máis de 20 millóns de euros.

Pola súa banda, Rubén Arroxo destacou o plan de peonalización da Mosqueira, unha das iniciativas estrela do BNG. O edil nacionalista precisou que, da partida de 800.000 euros prevista, 600.000 serán investidos na propia obra de peonalización, mentres que os 200.000 euros restantes serán empregados en desenvolver un plan de tráfico para reordenar a circulación nas rúas da contorna afectadas.

O tenente de alcalde asegurou que esta actuación é un paso máis para conseguir "o que moitos soñan" e que é ver o principal monumento da cidade, declarado Patrimonio da Humanidade, libre do tráfico de vehículos.

As partidas de investimento das contas tamén inclúen 500.000 euros para obras de pavimentación e mellora de beirarrúas nos barrios e a periferia, así como 373.000 euros para cambiar o iluminación pública de Fonte dos Ranchos e Avenida das Américas. Así mesmo, acometerase a última fase de reforma da praza de abastos, que afecta ao soto, cun investimento de 400.000 euros, mentres que zona rural destinaranse 500.000 euros e a instalacións deportivas, 423.000.

Aumenta un 20% o gasto social e haberá 8 millóns para emprego

GASTO SOCIAL. As políticas sociais disporán dun 20% máis de fondos no próximo orzamento, segundo destacou Lara Méndez, quen engadiu que a atención ás persoas acapara o 28% do total dos 100 millóns. 

A rexedora tamén destacou que máis do 50% do orzamento para 2020 destinarase á procura dun "Lugo máis ecolóxico" e que se dedicarán 8 millóns para fomentar o emprego, cun programa específico para persoas en risco de exclusión social dotado con 700.000 euros.

O PP critica que non se negociase e Cs di que o BNG preguntou 
O portavoz municipal do PP, Ramón Carballo, acusou este mércores ao bipartito de aplicar "o rodete" para deixar fóra as "setenta propostas" que formulara para a confección do orzamento. 

Carballo dixo que "ninguén tentou falar connosco para acordar os orzamentos para 2020", mentres que Olga Louzao, de Cs, comentou que o BNG si lles pediu que achegasen propostas para as áreas nacionalistas e que esperarán a ver se foron recollidas.

Comentarios