Orozco ve "lexítima" outra candidatura contra Gonzalo Caballero e respecta os "silencios" de Besteiro

Tomé lidera a lista dos socialistas galegos que irá ao Congreso Federal co obxectivo de revalidar "a Pedro Sánchez"
Orozco. EP
photo_camera Orozco. EP

O expresidente do PSdeG e exalcalde de Lugo José López Orozco ve "lexítimo" que poida xurdir outra candidatura para competir pola secretaría xeral do Partido Socialista de Galicia co actual líder, Gonzalo Caballero. 

O que fose presidente dos socialistas galegos na etapa de Pachi Vázquez deixou caer que "sempre que hai un congreso hai estes movementos". "Paréceme lexítimo que haxa un secretario xeral que queira permanecer e tamén me parece lexítimo que haxa outros compañeiros que queiran dar un paso e postularse", afirma. 

No entanto, cre que "o máis importante é o proxecto que se ofreza, non só aos militantes, senón ao conxunto da cidadanía, de como poder gañar ao PPdeG". "O proxecto é o que ten que namorar aos militantes e cidadáns. Véxoo con tranquilidade", di sobre o proceso ata o congreso galego. 

Sobre o exsecretario xeral do PSdeG, Orozco indicou que fala "moi a miúdo" con el, pero "non se atreve a preguntarlle se vai volver á primeira liña política. "Respecto os seus silencios", responde.

ARQUIVO DE CAUSAS. Por outra banda, Orozco, que se enfrontou a dez investigacións xudiciais, móstrase "moi optimista" do que pode serl décimo e último arquivo dunha causaneste caso en relación con Ora. 

A Fiscalía requiriu no último auto xudicial o seu desimputación, que está á espera da resposta do xuíz do xulgado número un de Lugo. 

"Estou moi optimista, aínda que xa o estaba antes dese informe fiscal e máis agora. Alá quedan eses nove anos de moito pesar, infumables, innecesarios que tiven que sufrir. Custoume moito a miña vida política, social e familiar", conclúe o que foi alcalde da cidade de Lugo desde 1999 a 2015, ano no que tivo que facerse ao carón ao vetar a súa investidura Lugonovo, o BNG e Esquerda Unida. 

Tomé encabeza a lista ao Congreso Federal
O presidente do PSdeG na provincia de Lugo, presidente da Deputación e alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, encabezará a delegación dos socialistas lucenses no Congreso Federal do partido, que se celebrará en Valencia entre os días 15 e 17, co obxectivo "de revalidar a Pedro Sánchez como secretario xeral".

En declaracións aos medios de comunicación, Tomé dixo que "Pedro Sánchez puxo de novo á provincia de Lugo na axenda política e no mapa das infraestruturas, logo da década absolutamente perdida que para Lugo supuxeron os sucesivos gobernos do Partido Popular con Mariano Rajoy".

En canto á delegación lucense que acudirá ao Congreso, asegurou que "é un bo retrato do que presenta hoxe o socialismo na provincia. Un partido con gran forza no territorio, que traballa para mellorar a vida dos veciños e veciñas, para que teñan mellores servizos públicos e para xerar actividade económica e emprego".

Nesa lista, a única proclamada na provincia de Lugo tras chegar a un consenso coa candidatura alternativa, acompáñano outros cinco homes e seis mulleres, en representación "do partido que goberna ou cogobierna en 31 municipios da provincia", que suman "máis de 211.000 habitantes, o 65% da poboación".

No número dous da lista figura a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; mentres que o alcalde de Foz ocupa o terceiro lugar e a secretaria provincial do partido en Lugo, Patricia Otero vai no cuarto.

O secretario de Organización do PSdeG e presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, vai no quinto posto dunha lista na que tamén figuran, entre outros, a portavoz socialista do goberno provincial, Pilar García Porto, ou os alcaldes de Castroverde, José María Arias; Viveiro, María Loureiro; Pedrafita, José Luís Raposo; y Guitiriz, Marisol Morandeira, e o voceiro en Paradela, Iván Castro.

Comentarios