Orozco, "moi contento" tras o sobresemento provisional por un nomeamento

O exalcalde de Lugo suma sete arquivos entre outras tantas investigacións

José López Orozco. EP
photo_camera José López Orozco. EP

O exalcalde de Lugo Xosé López Orozco mostrouse "moi contento" tras o sobresemento provisional da denuncia de CSIF por un nomeamento no Concello, polo que suma sete arquivos por outras tantas investigacións. A titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, decretou o sobresemento provisional da causa aberta tras a denuncia do sindicato CSIF contra a alcaldesa da capital luguesa, Lara Méndez, e o seu predecesor, o socilista Xosé López Orozco, polo nomeamento do posto de letrado asesor do Concello.

Aínda que se confesou "moi contento" sinalou que "non se tiña que chegar a este extremo, pero así está a Xustiza e así está o comportamento que ten a Xustiza comigo", manifestou.

Orozco confía en que dito sobresemento tamén se produza sobre as outras dúas investigacións nas que está imputado; a urbanización do Garañón e a peza do guindastre da Pokémon, instrucións xudiciais que leva tamén Pilar de Lara.

Dunha destas causas, asegurou descoñecer "nin sequera" onde está, "se está no Supremo ou se está en Lugo". A outra, sobre O Garañón, céntrase na urbanización aos pés do parque Rosalía de Castro polo que está tamén imputado o que fora concelleiro de Urbanismo e ex secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro.

En canto ao Garañón, Orozco recordou que os seus avogados tamén solicitaron o "arquivo". "Cos mesmos argumentos que utiliza a xuíza para arquivarme este tema, segundo os meus propios avogados", matizou. "Por iso causa certa perplexidade esta causa, porque son os mesmos argumentos que no seu día expuxeron os meus avogados para pedir o arquivo do Garañón", concluíu.

O exalcalde de Lugo, que xa no seu día chanceou con que era "o campión" das desimputacións, suma unha nova á espera de que tamén se poida resolver en breve o arquivo de ambas as causas que aínda pesan sobre el -a do guindastre na Pokémon e a urbanización do Garañón-.

Comentarios