Orozco afea a Méndez falta de firmeza na defensa da súa xestión urbanística

"Eu tardo cinco minutos en atopar o PXOM" díxolle sobre a suposta perda de tomos
La alcaldesa saluda al exalcalde al inicio de la asamblea
photo_camera La alcaldesa saluda al exalcalde al inicio de la asamblea

O PSOE escenificou este xoves o que algúns militantes interpretaron como fractura entre o partido e o goberno local. Nunha asemblea extraordinaria convocada a semana pasada, o exalcalde, José López Orozco, reprochou á alcaldesa, Lara Méndez, a falta de rapidez e de contundencia na resposta ás graves acusacións realizadas o mércores polo portavoz de Ace-EU, Carlos Portomeñe. O concelleiro sostén que a aprobación inicial, realizada en 2006, foi ilegal, declaración que sumou gravidade cando o goberno local admitiu que non puidera dar a Portomeñe a información solicitada -os tomos do PXOM orixinal, de 2004- porque o servizo de urbanismo dicíalle que non os atopaba. 

En resposta aos xornalistas, a alcaldesa explicou na mañá do xoves que o goberno aínda estaba en prazo para entregar a documentación requirida, pero en opinión de Orozco, a resposta non foi nin rápida, nin contundente nin lóxica. "Eu atópoo en cinco minutos", afirmou o exalcalde, quen ademais recordou que na Xunta hai outra copia. 

A postura de Orozco foi apoiada despois polo secretario local do PSOE, Luís Álvarez, que ademais foi concelleiro de urbanismo, aínda que non na época á que se refire Portomeñe. Álvarez incidiu en que acusacións de semellante calibre e que "non se sosteñen", asegurou, débense responder con moita máis contundencia porque se non se poden sementar dúbidas. 

A asemblea extraordinaria estaba convocada desde a semana pasada porque na dirección do partido e tamén entre a militancia obsérvase con moita preocupación como se están desenvolvendo os acontecementos no Concello. 

Na reunión tamén se falou das eleccións xerais, da importancia de pechar filas e de centrarse en traballar para gañalas, e recolléronse datos para nomear apoderados e interventores, pero o principal motivo da convocatoria era que a alcaldesa puidese explicar de primeira man a xestión realizada nos seus primeiros catro meses de goberno. A súa explicación foi bastante xeneral, sen entrar ao detalle nin pór sobre a mesa -tampouco por parte dos asistentes- feitos graves como a recente perda en pleno da súa proposta para volver contratar o servizo da Ora. 

Méndez sacou peito dalgunhas das xestións realizadas neste curto período de tempo, como a devolución de parte do recibo do lixo polo período de folga sufrida en 2014.

Comentarios