A oposición veta o pago da polémica comida a sindicalistas

O PP insta aos oito concelleiros socialistas a abonar do seu peto os 187 do convite

Antonio Ameijide. J. VÁZQUEZ
photo_camera Antonio Ameijide. J. VÁZQUEZ

LUGO. O local de hostalería lucense no que o Concello invitou a comer a un grupo de sindicalistas que ían participar nunha manifestación en Madrid en defensa das pensións non poderá cobrar de momento os 187 euros da factura. Os votos de PP e C's impediron que saíse adiante un recoñecemento extraxudicial de crédito para abonar esta minuta, para a que non había proposta de gasto previa.

O portavoz popular Antonio Ameijide criticou ao goberno local por querer invitar aos sindicalistas, «sen ningunha obriga institucional, cos cartos de todos os lucenses», dixo, polo que instou aos oito edís socialistas a pagar a escote do seu peto o importe desta factura. «Tocan a 23 euros por cabeza», espetou o portavoz popular.

O PP e o resto de grupos da oposición tamén criticaron o lote de 15 facturas con reparos de legalidade que levou o goberno local o xoves ao pleno por importe de 96.493 euros e que, na súa maioría, si foron autorizadas xa que só C's opúxose ao seu pago.

ANA PRIETO. A concelleira de economía, Ana Prieto, replicou ás críticas do PP ironizando con que os populares «fixeron durante anos dous petiscos a súa arma electoral», á vez que xustificou a necesidade de autorizar os recoñecementos extraxudiciais de crédito, porque se trata dun «mecanismo de pago» para que os provedores poidan cobrar.

Ademais, a concelleira quixo destacar que nos últimos meses o goberno local logrou rebaixar o nivel de morosidade que chegou a acumular para lograr un período de pago medio a provedores de 16 días, mentres recordou que cidades como Ourense pagan en 60 días e A Coruña, en 92.

Comentarios