Once dos trece médicos de Familia que acabaron o MIR quedarán en Lugo

Os 33 residentes formados na área participaron no acto de despedida celebrado no Hula

Once dos trece médicos de Familia que acaban agora a súa residencia na área sanitaria de Lugo continuarán exercendo na provincia. Nove deles farano en distintos centros de saúde, mentres que outro o fará en Urxencias hospitalarias e outro máis no 061. A xerencia ofreceu contratos a todos os residentes de Familia, unha das especialidades da que se percibe nos últimos anos máis falta de persoal.

O Hula acolleu este martes o acto de despedida ao que acudiron ademais dos 13 novos médicos de cabeceira, os 20 formados nos distintos servizos do hospital. Todos acabarán oficialmente o seu período formativo o día 20 e está previsto que o 28 se incorpore a nova fornada de residentes.

A celebración contou coa actuación de Manuel Muinelo, cirurxián do Hula, á guitarra, a voz da cirurxá Gisela Navarro Queirós e a traumatóloga Laura Coto Caramés á pandereita, que interpretaron unha particular versión de Rianxeira, na que os que veñen e van, no canto de ser as oliñas foron os resis do hospital lucense e que foi amplamente compartido durante todo o día en redes coa etiqueta de Himno dos MIR do Hula.

O médico de Familia do centro de saúde de Burela Carlos Fernández Fraga foi o encargado de dar un discurso como veterano titor de residentes, no que repasou as súas case tres décadas exercendo este labor formativo.

Comentarios