Oliver Laxe protagoniza a campaña para promocionar o campus lucense da USC

O cineasta destaca a "gran coherencia" do centro universitario de Lugo e anima aos estudantes a optar por graos vinculados á terra
Oliver Laxe. EP
photo_camera Oliver Laxe, na casa que está a restaurar en Vilela (Cervantes). EP

O campus de Lugo reforza a súa imaxe co apoio do director da laureada película O que arde, Oliver Laxe. O cineasta con raíces nos Ancares, que destacaba este martes a gran "coherencia" deste campus da USC cunha provincia que, ao seu xuízo, pode ser "pioneira" en moitos aspectos, dado o seu fecundo patrimonio material e inmaterial, animaba os futuros universitarios a "buscar a súa felicidade e a autorrealización persoal sen deixarse levar polos medos".

Oliver Laxe, que exercerá de forma altruísta como embaixador do Campus Terra de Lugo, reflexionaba este martes sobre as potencialidades formativas, tecnolóxicas e de investigación máis desenvolvemento (I+D) da súa oferta académica, que atende a valores tan en boga como a sustentabilidade, a conservación do medio ambiente e a defensa do medio rural, entre outros.

Este director de cine, que completou a súa formación académica en catro universidades diferentes, dá voz a unha campaña audiovisual para promocionar o Campus Terra de Lugo, baixo o hashtag #Reseteaoteumundo e o lema "A natural é a elección máis normal".

Laxe defende que "o sector primario é o futuro e é o que pon o mundo en movemento"

O cineasta aconsella aos futuros estudantes universitarios priorizar a conservación do medio ambiente, o patrimonio natural, o benestar animal e as ciencias da vida e a saúde á hora de matricularse nun grao para contribuír desta forma "a garantir o equilibrio do planeta e a normalidade".

COLABORACIÓN. Laxe, que está enfrascado nas últimas semanas na restauración da Casa Quindós, en Vilela (Cervantes), de onde é a súa familia, ofrece esta iniciativa de recuperación ambiental e as asociacións coas que colabora para "traballar man con man" coa comunidade universitaria lucense co obxectivo de favorecer "a posta en práctica de proxectos científicos e de enxeñaría, optimizar os usos da terra e as súas potencialidades", xa que, ao seu xuízo, "aí está o futuro".

"Eu son cineasta, pero se tivera que volver elixir, creo que daría o paso de optar por un traballo máis relacionado coa miña esencia", que, segundo explicaba, está vinculada á figura do "pastor, gandeiro, agricultor... como herdeiro desta casa e sempre ligado a este val dos Ancares lugueses". Engadía que se volvese á Universidade hoxe en día estudaría "unha carreira agronómica ou, en todo caso, ligada coa terra". Aseguraba ademais que "o sector primario é o futuro e é o que pon o mundo en movemento".

Comentarios