Olga Louzao: "Nunca pensei en ningún outro partido que non fora Ciudadanos"

A voceira de Cs no Concello de Lugo cre que a nova etapa que inicia a formación a nivel nacional lle será de axuda para manter a representación na capital lucense
Olga Louzao, no barrio de Recatelo que acaba de ser peatonalizado. XESÚS PONTE
photo_camera Olga Louzao, no lucense barrio de Recatelo. XESÚS PONTE

Acaba de chegar da refundación máis longa que se acorda dun partido político.
Foi o remate do proceso de escoita que se iniciou hai uns meses, que levou á nova ponencia de estatutos e estratexia, e a conclusión é moi positiva. É un paso moi importante, é un punto de inflexión. Eu sempre son positiva pero esta vez aínda máis. É un ambiente completamente diferente, un novo modelo de partido.

E vostede seguirá aí, escribiu hai uns días no Twitter. Seguirá Olga en Cs polos séculos dos séculos?
Nunca pensei ningunha outra cousa. Na política hai que estar porque cres en algo, porque cres no que estás defendendo. Estiven nos momentos bos e nos malos. Os políticos temos que dicirlle á sociedade que somos coherentes, que temos palabra. Iso de estar cambiando non o comparto.

Pois tampouco é que os cidadáns premien moito esa fidelidade...
Bueno, é que a política está nun momento estraño. Son tempos convulsos. A política é a mellor ferramenta que temos para cambiar as cousas, pero para iso ten que haber persoas comprometidas, que aínda pensando diferente teñan a capacidade de respectarse e de chegar a acordos. Eu non comparto as prácticas do PP con compañeiros de Cs.

"O voto útil é o que cambia a vida das persoas, non o que beneficia ou prexudica a un partido político"

Mantense firme a pesar dos cantos de serea que lle chegan dun lado e doutro, do PP e do PSOE...
É moi importante ter boa relación cos representantes políticos de todas as formacións cando se poñen enriba propostas para a cidade. Eu téñolle todo o respecto a persoas do PP e do PSOE, pero temos concepcións da cidade e valores e pensamentos políticos distintos. Eu entrei en política porque non cría neste modelo bipartidista, no que ao final o PP e o PSOE van depender sempre doutras forzas, ou populistas ou extremistas, e creo que é necesario ese espazo que equilibre. Creo que a cidadanía tamén se está dando conta de que o camiño que leva a política non é o que lle dá resposta ás súas necesidades.

A presión do PP en Lugo é tan forte como noutros lugares?
É o forte que cada un lle queira facer caso. Tanto Juan Vidal como eu temos moi claro onde queremos estar, que é o que defendemos, que é o que pensamos. Non estamos abertos a esas opcións, tivémolo sempre moi claro.

A táctica do PSOE é máis aduladora e de receptividade ás súas propostas...
Non sei se é estratexia ou non, pero as propostas que Cs leva a pleno son traballadas, pegadas á realidade. En moitas outras ocasións votaron en contra e logo sacaron do caixón as nosas propostas. Agora recoñecen que son boas e que poden votalas a favor. Pero o importante é que se leven a cabo, por iso queremos ser decisivos, para ter a oportunidade de facelo.

"Co BNG non poderiamos pactar e nuns temas estamos de acordo co PSOE e noutros co PP"

Vostedes son fieis a Cs, e o resto de membros da lista e do partido? Cantas baixas houbo dende 2019?
A ver, houbo moitas baixas, houbo persoas que deixaron o partido, pero que non deixaron de traballar con nós, e cren no traballo que  estamos a facer en Lugo. Agora creo que vai haber moitas persoas que van volver mirar con cariño o partido, ven que hai ganas de cambiar as cousas.

Non van ter dificultade entón para conformar a candidatura? No acto de Inés Arrimadas na cidade non había moita máis xente que para unha lista...
Bueno, non sei como se viu, pero había moita máis xente que para unha lista... Se non puidésemos facela non nos presentaríamos! E hai que ter en conta ademais que as persoas que dan o paso fano porque cren en algo, non por buscar un traballo, e iso é moi meritorio. E tamén che dá a liberdade de marchar cando non estás de acordo porque tes a onde volver. Noutros partidos teñen que tragar moitas outras cousas porque non teñen a onde volver.

Nesta nova etapa, Cs di que non vai ter socios de goberno preferentes. Vostede xa leva uns anos na política e coñece as propostas duns e doutros. Con quen se sinte máis cómoda?
Temos claro que co BNG non poderiamos chegar a acordos porque temos concepcións políticas distintas. Hai temas nos que estamos de acordo co PSOE e noutros co PP. Cs foi moi crítico co PSOE porque se fixeron nestes oito anos moitas cousas coas que non estabamos de acordo e porque cremos que se podía facer mellor en temas económicos, de cidade, de transparencia… Nese sentido coincidimos máis co PP. Pero pasou no mandato anterior cando eramos mais forzas políticas na oposición e estabamos de acordo todas, incluso o BNG, que agora está no goberno e non se acorda delas. Non é cuestión de quen me cae mellor ou peor. Non podemos dicir que non existe un problema de okupación, como fai o PSOE e o BNG, pero tampouco estamos de acordo en como o afronta o PP. Eu quero mirarlles á cara aos veciños que sofren ese problema e ir con propostas, e non facer demagoxia e dicir que malos son uns ou outros, que ao final é ao que se dedican o PSOE e o PP. O famoso e ti máis non é o que a nosa cidade necesita senón que esteamos dispostos a chegar a acordos.

O partido inicia unha nova etapa, pero de momento as enquisas apuntan a que Cs ten difícil aguantar no Concello. O que si pode facer é dificultarlle a maioría á popular Elena Candia...
Bueno, nós non estamos aquí para prexudicar a ninguén. Temos moi claro por que nos presentamos, e ademais creo que nos avala o traballo dos oito últimos anos. O famoso voto útil é o que cambia a vida das persoas, non é o que beneficia ou prexudica a un partido político. Moito voto útil do PP no Goberno central durante moitos anos, pero non fixo nada do que agora di que vai facer.

Comentarios